Abel Losada subliña ou gran impacto do Kit Dixital con máis de 9.500 bonos concedidos e case 40 millóns de investimento na provincia

Abel Losada subliña ou gran impacto do Kit Dixital con máis de 9.500 bonos concedidos e case 40 millóns de investimento na provincia

18/06/2024

 O subdelegado visita en Ponte Caldelas a Carpintaría Ceyeda, que grazas a este programa implantou solucións de xestión de procesos, mellorou a súa web e incrementou a presenza en redes
 Losada cualifica como “histórica” a aposta do Goberno de Pedro Sánchez por “modernizar as nosas empresas e facelas máis competitivas”
 Red.es abre hoxe o prazo para solicitar as axudas de asesoramento do programa Kit Consulting


Ponte Caldelas, 18 de xuño de 2024.- O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, adiantou hoxe que a máis de 9.500 empresas da provincia de Pontevedra xa lles foi concedido o bono do programa Kit Dixital posto en marcha polo Goberno de España con fondos europeos do Plan de Recuperación. En total, esta cifra supón un investimento na provincia de case 40 millóns de euros destinados a implantar solucións de dixitalización nas empresas e pequenos negocios pontevedreses.

Abel Losada desprazouse esta mañá a Ponte Caldelas, onde visitou a carpintaría Ceyeda, empresa referente no sector que nos últimos dez anos tivo unha proxección notable de crecemento e que tras a crise da COVID-19 decidiu darlle un empurrón á súa estrutura dándolle un peso moi importante a dixitalización de procesos. A empresa comezou como unha pequena carpintaría en Vilaboa, logo trasladouse a Marín ata que adquiriu a actual nave na Reigosa (Pontecaldelas). Con 65 empregados e 3,6 millóns de facturación, exporta a Canadá, Francia, Bélxica e Portugal, producindo solucións de mobiliario para diferentes franquicias do mundo da hostalaría e outras empresas.

Abel Losada estivo acompañado polo alcalde, Andrés Díaz e polo xerente de Ceyeda, Ángel Villar; o administrador, Aurelio Iglesias e distintos responsables da firma, cos que visitou as instalacións e comprobou os resultados da implantación do Kit Dixital na empresa.

Grazas a este programa, Carpintería Ceyeda mellorou a súa páxina web adaptándoa aos tempos actuais, dándolle unha visión mellorada, cunha páxina máis dinámica e actualizada. No relativo á xestión de procesos, implantou o portal do empregado, unha webservice que se lle dá aos traballadores da empresa para a descarga de documentos como nóminas, anuncios, etc. Tamén puxo en marcha un software de control de entradas e saídas do persoal da empresa e activou un programa de control por xeolocalización a través dos teléfonos móbiles de presenza dos xefes de equipo  nas obras onde montan os seus produtos. Finalmente, melloraron a xestión de redes sociais coa publicación de temas e noticias en Linkedin que dan a coñecer a empresa e permiten chegar a futuros clientes.

O subdelegado destacou o “excelente aproveitamento” que Ceyeda fixo do Kit Dixital e puxo á carpintaría como exemplo de innovación e adaptación aos tempos da dixitalización, mediante solucións que melloran o funcionamento interno da empresa e favorecen a súa proxección e comunicación co público e con potenciais clientes.

Ceyeda foi beneficiaria do Kit Dixital no segmento I (empresas de entre 10 e menos de 50 empregados). Todas as axudas desde segmento están xa abonadas e acordadas as do segmento 2 (empresas de entre 3 e menos de 10 empregados). Losada aproveitou para lembrar que Red.es modificou recentemente as bases reguladoras do Programa, cun cambio que inclúe novidades para o segmento III, (empresas de entre 0 e menos de 3 empregados( como a ampliación de 1.000 euros de axuda para este grupo e a incorporación dunha nova solución hardware de “Posto de Traballo Seguro”. O formulario para a solicitude desta ampliación da contía xa está dispoñible a través de red.es.

O subdelegado en Pontevedra fixo fincapé na “importante inxección económica que supoñen os fondos do Kit Dixital” e “a oportunidade histórica que ofrecen para modernizar as nosas empresas e facelas máis competitivas, grazas á aposta decidida do Goberno de Pedro Sánchez”. Así, tanto Losada como os xerentes da empresa coincidiron en asegurar que a dixitalización “é un aspecto chave na innovación empresarial e se converteu nun factor crucial para que as empresas e pequenos negocios poidan competir no mercado actual”.

Kit Consulting

Abel Losada tamén anunciou que o Ministerio de Dixitalización, a través da empresa pública Red.es vén de abrir hoxe o prazo para solicitar as axudas do Kit Consulting. Estas axudas materialízase nun Bono de Asesoramento Dixital que as pemes deberán empregar na contratación dun ou varios dos servizos de asesoramento dos que se compón o Programa.

Na convocatoria establécense tres segmentos de empresas en función do seu tamaño e a contía da axuda para cada unha delas. Para o segmento de empresas de entre 10 e menos de 50 empregados o bono será de 12.000 euros, para o segmento de empresas de entre 50 e menos de 100 empregados a contía será de 18.000 euros e para as empresas de entre 100 e menos de 250 empregados, a axuda será de 24.000 euros.