Maica Larriba destaca o apoio histórico do Goberno á provincia de Pontevedra con 2.800 M€ para avanzar e garantir unha recuperación xusta

Maica Larriba destaca o apoio histórico do Goberno á provincia de Pontevedra con 2.800 M€ para avanzar e garantir unha recuperación xusta

03/04/2023

A subdelegada cifrou en 1.300 millóns as achegas dos orzamentos e en 1.328 as transferencias a administracións locais, ao que hai que sumar 204 que deixa xa o Plan de Recuperación.

Maica Larriba lembrou que “este é o Goberno da xente” e que “a procura dunha recuperación xusta para os colectivos máis vulnerables, como pensionistas, xente nova e a clase media traballadora, son unha prioridade”.


Pontevedra, 1 de abril de 2023.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, puxo hoxe en valor os máis de 3.600 millóns de euros investidos polo Goberno na provincia de Pontevedra nos últimos anos, unha cifra que supón un récord histórico e que busca garantir “unha recuperación económica e social e xusta”. Como explicou a subdelegada, nesta cantidade figuran os 204 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os máis de 1.300 consignados nos Orzamentos Xerais do Estado, aos que hai que engadir os 1.328 millóns en transferencias ás administracións locais da provincia.

“O Goberno de Pedro Sánchez está a cumprir con Pontevedra como ningún outro presidente o fixera, chegando a todos e cada un dos fogares galegos a través dos orzamentos e dos fondos do Plan de Recuperación, que deixan xa un impacto de 204 millóns e 5.810 actuacións para propiciar un cambio de modelo de cara unha economía baseada na creación de emprego de calidade, a sustentabilidade e a competitividade do tecido industrial e empresarial galego”.

Maica Larriba destacou o pulo destes fondos para “promover a recuperación económica e social ao tempo que se traballa na construción dunha provincia máis moderna, verde, dixital, inclusiva, social e cohesionada territorialmente”. Estes avances materialízanse en actuacións como os 26,9 millóns destinados a rehabilitación de edificios públicos a través do programa PIREP; os máis de 11 millóns do Programa UNICO-Banda Ancha para levar internet de alta velocidade a 40.300 fogares e empresas de Pontevedra; os 8 millóns para proxectos pioneiros para a obtención de hidróxeno verde en Caldas e Vigo; os 24 millóns do Kit Digital, que fomenta a dixitalización de máis de 5.000 empresas e autónomos; os 9,5 millóns para plans de sostibilidade turística, os 11,2 do programa DUS 5000 ou os 18,7 millóns do plan INVEAT para a modernización e adquisición de equipos de alta tecnoloxía sanitaria, entre outros.

Infraestruturas

En materia de infraestruturas, Maica Larriba destacou os avances en intermodalidade, coa estación de Vigo e a futura saída Sur, a bonificación de peaxes na AP-9 na que o Goberno investiu 56,4 millóns de euros no último ano, ou a asunción de parte da suba do IPC do exercicio en curso. Así mesmo, puxo en valor o impulso á recuperación de infraestruturas e proxectos que permanecían paralizados en etapas anteriores, como a mellora na N-120 en Ponteareas, o nó de bombeiros de Pontevedra, ou os avances na A-57, sen esquecerse de proxectos tan relevantes como o saneamento de Poio e Sanxenxo con 26 millóns de euros, os 38,5 destinados ao Hospital de Montecelo e os 6,7 que permitirán a rehabilitación do Parador de Baiona, entre outros.

Gasto social

Maica Larriba fixo fincapé no capítulo do gasto social, lembrando que “este é o Goberno da xente” e que “a procura dunha recuperación xusta para os colectivos máis vulnerables, como pensionistas, xente nova e a clase media traballadora, son unha prioridade”. Así, celebrou a consolidación de novos dereitos, como a suba das pensións de acordo ao IPC, que propiciou que cada pensionista da provincia perciba 235€ máis de media ao mes. O Ingreso Mínimo Vital beneficia a máis de 25.000 persoas en Pontevedra e a reforma do mercado laboral “fronte ás predicións catastrofistas do PP, deixa 100.303 contratos indefinidos, un 222% máis que os que había en 2019 e 24.046 persoas ocupadas máis que en 2018”.

No que atinxe á xente nova, a subdelegada salientou o incremento das bolsas de estudos, das que se beneficiaron 14.697 bolseiros o último ano, cun investimento total de 27,5 millóns de euros. Outras medidas dirixidas a este colectivo son o bono Alugueiro Xente Nova, que xestiona a Xunta de Galicia e o Bono Cultural, que puideron desfrutar o pasado ano 4.830 mozos e mozas pontevedreses que cumprían en 2022 os 18 anos.

Medidas excepcionais

Dentro do paraugas social, a subdelegada tamén fixo mención ás medidas adoptadas para facer fronte ao impacto na economía da invasión rusa de Ucraína. Así, lembrou a rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis, a gratuidade dos abonos de transporte ferroviario dos que se benefician 23.776 pontevedreses e o desconto de 50% nos servizos AVANT. Citou tamén os preto de 3 millóns abonados a gandeiros da provincia para facer fronte á alza dos custes de produción, xunto a estas,  outras medidas de carácter fiscal como a rebaixa do IVE en determinados produtos alimentarios, o abaratamento do recibo da luz (redución do IVE a 10%, suspensión do imposto á xeración de enerxía eléctrica e rebaixa ata 0,5% do Imposto Especial sobre a Electricidade), a denominada ‘Solución Ibérica’ para limitar o prezo do gas natural, que vén de ser prorrogada por Bruxelas ata final de ano, ou a limitación a 2% nas actualizacións de renda dos contratos de arrendamento de vivendas.

“Somos un Goberno centrado en protexer as familias, traballadores e colectivos máis vulnerables, ao tempo que avanzamos cara unha fiscalidade máis xusta e progresiva”, subliñou Maica Larriba.

“Son moitos os retos e tamén as oportunidades que ten a nosa provincia por diante nos próximos meses e co Goberno de progreso de Pedro Sánchez, que cumpriu como ningún outro coa provincia, daremos un xiro cara unha economía máis social, centrada nas persoas e que teña o medio ambiente e a sostibilidade como eixos fundamentais, e sempre sen deixar a ninguén atrás”, concluíu.