Maica Larriba escoita as demandas dos sindicatos da Policía Nacional

25/10/2021

Os colectivos sindicais solicitaron a mellora de servizos de atención á cidadanía na comisaría de Vigo.


Pontevedra, 25 de outubro de 2021.- A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, recibiu esta mañá na sede da Subdelegación a representantes dos sindicatos da Policía Nacional, UFP-CEP e ASP. O encontro serviu para que os colectivos sindicais formulasen de maneira directa diferentes cuestións, demandas e suxestións. Entre elas, trasladaron unha serie de propostas relacionadas coa mellora de servizos de atención á cidadanía, destacando a solicitude para incrementar os servizos de loita contra a violencia de xénero na comisaría de Vigo.

Maica Larriba comprometeuse a estudar todas as demandas sindicais para tratar de mellorar as condicións do colectivo policial e os servizos prestados na atención aos cidadáns.  A subdelegada do Goberno aproveitou para poñer en valor “o traballo e o esforzo que desenvolve día a día o Corpo Nacional de Policía na provincia e en todo o Estado”.

Finalmente, subliñou o esforzo realizado polo Goberno para “recuperar os recortes do pasado” en materia de persoal, lembrando que “durante os últimos tres anos foron case 14.000 as prazas ofertadas para Policía Nacional co obxectivo de paliar o déficit acumulado desde 2008”.