Emilio González subliña o compromiso do Goberno de España co municipalismo con investimentos que superan os 405.000 euros en Entrimo

28/10/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense e o alcalde de Entrimo analizaron os proxectos de aforro enerxético do concello subvencionados con 214.462 euros polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil aporta 189.600 euros para a mellora de accesos e da contorna das zonas de baño de Covas e Bouteira

A extensión da conexión a Internet por banda ancha, que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos, beneficiará a sete entidades de poboación do concello

Entrimo poderá beneficiarse dos 6,4 millóns de euros que concede o Goberno para desenvolvemento sostible nos municipios das reservas da biosfera en Galicia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, visitou esta mañá o concello de Entrimo e mantivo unha reunión co seu alcalde, Ramón Alonso, onde destacou o compromiso do Goberno co municipalismo a través de investimentos que acadan os 405.261 euros neste concello.

No encontro, o subdelegado do Goberno sinalou que, dentro da aposta pola eficiencia enerxética, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 214.462,27 euros para dous proxectos de aforro e mellora enerxética no alumeado público nas zonas de Terrachán e Feira Vella. A subvención estatal, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), alcanza o 80% do investimento total dos proxectos e o Concello asume o 20% restante.

Estes proxectos, que están en fase de licitación, permitirán o cambio de 538 luminarias do concello por outras novas de tecnoloxía LED e a substitución ou adaptación de 5 cadros eléctricos, conseguindo un aforro do 70% do consumo enerxético.

Emilio González salientou que “o apoio económico do Executivo central é fundamental para que os concellos poidan acometer estas actuacións, conseguindo, ademais dunha diminución das emisións á atmosfera, un aforro considerable nos gastos eléctricos que o Goberno local pode destinar a outros servizos públicos”.

Así mesmo, o Goberno, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a levar a cabo o proxecto de mellora dos accesos e contorna das zonas de baño de Covas e Boutureira, dúas zonas de alto valor medioambiental. As actuacións contan cun investimento de 189.600 euros e consisten na execución de rozas e explanación dos carreiros existentes, a colocación de elementos de sinalización e seguridade, así como a drenaxe. Ademais, en ambas as zonas realizarase unha limpeza de marxes nas zonas de baño e en Boutureira acondicionarase o aparcamento existente.

O subdelegado do Goberno explicou que Entrimo tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha sete entidades de poboación do concello beneficiaranse da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet. “O obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025”, apuntou Emilio González.

Na xuntanza tamén analizaron os fondos que percibirá o concello para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que ascenden a 1.199,62 euros.

Por último, Emilio González sinalou que este ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 6,4 millóns de euros para financiar proxectos de desenvolvemento sostible nas Reservas da Biosfera, dos que o concello de Entrimo poderá beneficiarse ao formar parte da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés. Este compromiso traducirase en iniciativas enfocadas cara o emprego verde e asentadas no territorio, co que se obterá tamén un efecto positivo sobre a poboación asentada neste espazo.