José Miñones anima a autoras e autores de Galicia a aproveitar as achegas para fomentar a mobilidade internacional

13/10/2021

As autoras e os autores literarios poden obter ata 10.000 euros para estadías de dous meses no estranxeiro

Esta liña de achegas está enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O destino deste millón de euros son escritores, ilustradores, tradutores e profesionais do sector do cómic

O obxectivo é aumentar a visibilidade e o coñecemento da nosa literatura no estranxeiro, ofrecer novas oportunidades ás persoas creadoras e mellorar a competitividade


O delegado do Goberno, José Miñones, animou hoxe a autoras e autores de Galicia a aproveitar as achegas para fomentar a mobilidade internacional, cunha dotación global dun millón de euros. O prazo para presentar solicitudes está aberto para estancias de ata dous meses no estranxeiro con ata 10.000 euros por persoa.

José Miñones agradeceu ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, o lanzamento dunha nova liña de achegas dirixida a autores literarios, a través da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, co obxectivo de favorecer a súa mobilidade internacional. O importe total da subvención ascende a un millón de euros derivados do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos Orzamentos Xerais do Estado de 2021.

Esta suma irá destinada a sufragar os gastos asociados a estancias no estranxeiro de ata dous meses de duración, cun importe máximo de 10.000 euros por estadía para gastos de aloxamento e manutención, gastos de viaxe e gastos de instalación. As estancias deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

Poderán beneficiarse desta subvención escritores, tradutores e ilustradores, así como profesionais do sector do cómic que teñan nacionalidade española ou residan en España e publicasen polo menos unha obra de calquera xénero literario, xa sexa de forma individual ou en coautoría de ata tres autores e sempre que non se trate de obras publicadas en blogues ou en redes sociais nin autoeditadas.

A subvención dá así cumprimento aos obxectivos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para fortalecer a competitividade das industrias culturais e creativas, entre os que destacan a mellora das competencias profesionais dos autores e a internacionalización do sector, entre outros.

Neste sentido, José Miñones destacou a importancia de “recuperar espazos estratéxicos a nivel internacional”. “Deste xeito, xéranse novas oportunidades e mellórase o posicionamento e coñecemento dos nosos libros, da nosa literatura”, rematou.