Isabel Rodríguez anuncia que a ministra de Industria reunirase o martes co comité de Alcoa e destaca a absoluta implicación do Goberno na procura dunha solución

26/06/2021

 Como xa avanzara o delegado do Goberno, a reunión inscríbese no compromiso do Executivo cos traballadores de Alcoa aos que sempre respaldou para garantir o emprego e a actividade industrial na Mariña
 Rodríguez comprende a preocupación dos traballadores, insta a Alcoa a actuar con seriedade e lembra que o Goberno está cos traballadores e cos veciños da Mariña, non cos intereses da multinacional


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que a ministra de Industria, Reyes Maroto, reunirase o martes, día 29, co comité de empresa de Alcoa dentro do compromiso do Executivo na procura dunha solución que garanta o emprego e a actividade industrial na factoría da Mariña.

 

Isabel Rodríguez informou que, tal como xa avanzara días atrás o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a ministra atende a solicitude dunha reunión que lle fixo o comité de empresa, que xa foi convocado ao encontro onte pola tarde, porque a vontade do Goberno é asegurar o futuro do emprego na comarca da Mariña.

 

A subdelegada destacou a absoluta implicación do Ministerio de Industria na busca dunha solución que permita garantir a continuidade da actividade industrial na fábrica de aluminio de San Cibrao e o mantemento dos postos de traballo que a multinacional Alcoa pretende sacrificar.

 

Isabel Rodríguez explicou que o Goberno comprende a inquietude dos traballadores de Alcoa que levan máis de un ano loitando contra a vontade da multinacional de pechar a factoría e a súa desconfianza respecto da vontade real de Alcoa de que frutifique o proceso de venda.

 

Rodríguez remarca que os feitos demostran, unha vez máis, que o Ministerio defende os intereses dos traballadores e dos veciños da Mariña, non os da multinacional. Así, indicou que cómpre lembrar que foi o Ministerio quen reuniu os seis posibles compradores para a fábrica da Mariña e agora é preciso que a multinacional se decida, dunha vez por todas, a negociar en serio a venda.

 

A subdelegada insta a Alcoa a actuar con seriedade e a avanzar nas negociacións e lembra que o Goberno apostou sempre pola continuidade do emprego e a actividade industrial, proceso no que sempre acompañou e defendeu os intereses dos traballadores.