Vilanova de Arousa e Garda Civil subscriben o acordo para a instalación dun punto de atención cidadá na localidade

09/06/2021

A subdelegada do Goberno presidiu o acto de rúbrica no que participaron o alcalde do municipio, Gonzalo Durán, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o acto de firma do convenio entre o Concello de Vilanova de Arousa e a Garda Civil que permitirá a apertura dunha oficina de atención á cidadanía nesta localidade. O documento foi subscrito polo alcalde do municipio, Gonzalo Durán, e o coronel xefe da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, nas instalacións da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Durante a súa intervención, a subdelegada quixo destacar a importancia deste acto, “que outorga un carácter formal e definitivo a unha iniciativa que permitirá satisfacer a demanda histórica da veciñanza e do Concello de Vilanova de Arousa de volver a contar coa presenza física da Garda Civil na localidade”.

Tal e como informou a subdelegada, o novo punto de atención á cidadanía da Garda Civil emprazarase nun céntrico local de titularidade municipal situado nas inmediacións da casa consistorial. As novas dependencias serán habilitadas polo Concello nas próximas semanas para poder abrir ao público antes da temporada estival. A este respecto, Larriba explicou que “o desexo é que Vilanova de Arousa poida contar con este novo punto de atención cidadá no verán, xa que a chegada de turistas aumenta a actividade, afluencia e necesidades da cidadanía durante estes meses”.

A subdelegada, que amosou a súa satisfacción por este acordo, quixo agradecer a colaboración do Concello de Vilanova de Arousa “ao por a disposición da Garda Civil un espazo que permitirá facer realidade a súa presenza no municipio, así como achegar os servizos que presta este corpo a todos os arousáns e arousás”.

Pola súa parte, o alcalde de Vilanova amosouse moi satisfeito polo acordo que “atende unha demanda que a veciñanza da localidade leva reivindicando corenta anos. Por iso hoxe quero agradecer a prontitude e dilixencia da Garda Civil e da Subdelegación do Goberno  para acadar e facer efectivo este acordo”. Gonzalo Durán adiantou que as obras de adecuación do novo local comezarán previsiblemente nos próximos días e se agarda que estean rematadas no prazo máximo dun mes.

Tal e como indicou o o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra o novo punto de atención cidadá contará con 11 axentes e estará aberto en horario de mañá e tarde.