O subdelegado do Goberno coordina o operativo de seguridade contra a pandemia

01/06/2021

A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron nos últimos oito días 319 dispositivos de control, 190 inspeccións en establecementos de hostalaría e formularon 121 propostas de sanción.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá unha nova reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica e da Policía Local de Ourense.

Durante a reunión, as forzas e corpos de seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos oito días para garantir o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico. En total, do 24 ao 31 de maio a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 319 controis e 190 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 826 persoas, controláronse 611 vehículos e eleváronse 121 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno sinalou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil continuarán coas tarefas de vixilancia e información para dar cumprimento ás medidas aprobadas polas autoridades sanitarias. Unha das prioridades será a vixilancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco, no que actualmente se atopa o concello de Lobios. Ademais, prestarase especial atención durante as fins de semana ao cumprimento das medidas relativas aos horarios e ás reunións.

Na xuntanza, Emilio González destacou o traballo e a coordinación das forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

Por último, o subdelegado do Goberno apelou novamente á responsabilidade individual para non retroceder na situación actual da pandemia na provincia. “É preciso que a cidadanía ourensá continúe respectando as medidas de autoprotección sanitarias como o uso da máscara e o resto de prescricións que determinen as autoridades sanitarias”, sinalou González Afonso.