O concello de Ourense rexistra unha diminución do 13,5% das infraccións penais segundo o Balance de Criminalidade correspondente ao terceiro trimestre deste ano

Xunta Local de Seguridade de Ourense

22/12/2020

Informouse do incremento do número de axentes nas rúas durante as festas de Nadal para previr actos delituosos

O concello de Ourense ten activos 180 casos no sistema VioGén


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha Álvarez, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno. Na mesma realizouse unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

Tras coñecer e analizar as cifras presentadas polos responsables das forzas e corpos de seguridade, o subdelegado do Goberno subliñou que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais reduciuse no concello de Ourense nun 13,5% segundo o Balance de Criminalidade correspondente ao terceiro trimestre deste ano”, pasando das 3.064 infraccións penais no mesmo período de 2019 ás 2.650 no ano 2020. Descenden, entre outros, os delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias; os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual; os roubos con forza en domicilios e establecementos; e os furtos.

Emilio González salientou que o concello de Ourense “segue a ser un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno quixo trasladar aos representantes das forzas e corpos de seguridade o seu agradecemento persoal e institucional polo traballo e polo esforzo realizados durante os momentos máis duros da pandemia, así como nas últimas semanas, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todos os corpos. Emilio González lembrou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado velan dende o primeiro día da pandemia pola saúde e seguridade da cidadanía e así o van seguir facendo”.

Igualmente, informouse do reforzamento dos dispositivos operativos ante as vindeiras festas de Nadal para previr actos delituosos, que contará co incremento do número de axentes nas rúas ante o Nivel 4 de Activación do Plan de Prevención e Protección Antiterrorista. Así mesmo, nos actos públicos nos que se prevea a afluencia de numerosas persoas activaranse os operativos de seguridade habituais da Policía Nacional e da Policía Local.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indícase que actualmente hai activos no sistema VioGén 180 casos no concello de Ourense. Deles, un presenta risco extremo, un risco alto, 10 risco medio, 61 risco baixo e 107 risco non apreciado. En canto ao seguimento dos casos activos 106 son asignados á Policía Nacional, 28 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 46 á Policía Local.

Constátase que en 110 dos casos activos no sistema VioGén se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación e que son 7 as mulleres usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (ATENPRO) no concello de Ourense.

Á reunión tamén asistiron o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Mª Alida Iglesias Gil; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez; o inspector xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, Breogán Rivo Iglesias; o inspector principal da Policía Local de Ourense, Benjamín González Quintela; así como representantes das federacións e asociacións de veciños.