Javier Losada anuncia un novo reparto de 690.000 máscaras sanitarias para o persoal dos servicios esenciais de concellos e entidades sociais de Galicia
17/12/2020
O delegado do Goberno destaca o compromiso do Goberno de España cos servizos esenciais e de atención a colectivos vulnerables sumando un novo reparto antes do Nadal
As entregas de máscaras suman dende o inicio da crise sanitaria 2.633.379 unidades deste material de protección a concellos e ONG de Galicia
A nivel nacional, as achegas a municipios e Terceiro Sector suman máis de 55,5 millóns de unidades distribuídas
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou hoxe o inicio dun novo reparto de máscaras cirúrxicas destinadas ao persoal dos servizos esenciais dos concellos e entidades sociais da Comunidade. Nesta ocasión, a Delegación do Goberno coordinará a entrega de 690.000 unidades deste material de protección esencial a través das Subdelegacións do Goberno nas catro provincias.
Javier Losada destaca esta mostra do compromiso do Goberno de España coas entidades e asociacións de apoio ás familias e colectivos máis vulnerables, ás que se dirixe este reparto que se fará efectivo antes do Nadal.
O delegado do Goberno apunta que esta entrega súmase ás efectuadas nos meses de maio, setembro e novembro ata completar 2.633.379 unidades distribuídas en Galicia. En entidades locais, as máscaras entréganse á totalidade de concellos galegos. No caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes a distribución realízase coa colaboración coas diputacións provinciais.
A distribución de máscaras ás ONG e as cantidades destinadas a cada unha delas é o resultado do acordo alcanzado entre cada organización e o Ministerio de Sanidade. No caso de Galicia as entregas fanse ás representacións provinciais de Cruz Vermella, Cáritas e CERMI que as empregan para os seus traballadores e voluntarios ademáis de usuarios dos seus centros e persoas vulnerables.
Reparto nacional
Este novo reparto foi anunciado onte pola ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, tras a rolda de prensa posterior ao Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
Durante esta semana, a nivel nacional, o Goberno repartirá a ONG, entidades sociais e locais un total de 17 millóns de máscaras cirúrxicas. Esta cantidade sumada ás reparticións de maio, setembro e novembro, fan un total de 55,5 millóns de máscaras entregadas. Concretamente, as entidades locais recibiron un total de 33,4 millóns de unidades, mentres que o total de máscaras entregadas polo Goberno de España a colectivos vulnerables a través de ONG e entidades sociais ascende a 22,1 millóns.