Maica Larriba alerta sobre o aumento dos ciberdelitos na provincia

Maica Larriba alerta sobre o aumento dos ciberdelitos na provincia

16/12/2020

As estafas leves por Internet incrementáronse nun 32 % durante os primeiros dez meses do ano en Pontevedra. Entre as causas, o crecemento do comercio electrónico debido ás restricións sanitarias.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as actuacións policiais na provincia ata o día de hoxe. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia, Antonio Pérez, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, e a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma.

Tras coñecer e analizar os datos máis relevantes presentados polos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a subdelegada do Goberno quixo subliñar que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais na provincia reduciuse nunha porcentaxe moi importante”. Descenden, entre outros, os delitos graves e menos graves, así como os roubos e os furtos. Por cidades, destacan os descensos rexistrados en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra. Vigo, aínda que presenta unha baixada menor, evidencia tamén unha tendencia á baixa.

A pesar das boas cifras xerais, a subdelegada alertou sobre o importante incremento dos ciberdelitos na provincia durante os dez primeiros meses do ano. De xaneiro a novembro, as estafas leves -de pequenas cantidades de diñeiro- creceron un 32 % respecto ao mesmo período do ano anterior. As compras e os cargos en tarxetas de crédito son os fraudes máis comúns. Os responsables policiais apuntan ao aumento do consumo online debido ás restricións sanitarias como a principal causa desta suba. A orixe da maior parte destas estafas sitúase nos países balcánicos e asiáticos, o que supón unha dificultade engadida para os investigadores.

Neste sentido, Larriba quixo pedir á veciñanza moita precaución á hora de facer compras na rede. “No Nadal aumenta o consumo online, polo que nestas datas debemos prestar unha especial atención ás nosas actividades comerciais e formas de pago na rede”, advertiu.

A subdelegada informou tamén do aumento dos delitos por ameazas e malos tratos no ámbito familiar no que levamos de ano. Entre as causas desta repunta atópanse as restricións á mobilidade, o límite horario da hostalaría e o confinamento domiciliario, que obrigan a pasar un maior tempo na casa.

Así mesmo, na reunión analizáronse os datos de tráfico e seguridade viaria da provincia. O responsable do Subsector de Tráfico da Garda Civil informou aos presentes que, ata o día de hoxe, rexístrase unha baixada interanual no índice de accidentes de tráfico, contabilizándose dous falecidos menos que no ano 2019. As estradas autonómicas acumulan o maior índice de mortalidade.

Por último, a subdelegada revisou xunto aos mandos policiais as actuacións realizadas na provincia polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no marco da aplicación das medidas impostas pola crise sanitaria. Durante o mes de novembro, a Policía Nacional e Garda Civil realizaron máis de 2.000 controis de cumprimento dos peches perimetrais, nos que se vixiaron más de 30.000 vehículos e 32.000 persoas.