A DGT desenvolve dende hoxe unha campaña especial de control do consumo de alcohol e drogas entre os condutores de Galicia

A DGT desenvolve dende hoxe unha campaña especial de control do consumo de alcohol e drogas entre os condutores de Galicia

07/12/2020

A Delegación do Goberno advirte que case a metade dos condutores falecidos en accidentes de tráfico en España no ano pasado consumiran drogas ou alcohol

Na mesma campaña realizada por estas datas en 2019 denunciáronse a 160 conductores por consumo de alcohol e a 135, por consumo de drogas

Dende xaneiro a setembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico efectuou 318.878 probas de alcoholemia e 4.575 de drogas nas estradas de Galicia


A Delegación do Goberno en Galicia informa do comezo, hoxe, da campaña especial de Tráfico co obxectivo de diminuir o consumo de alcohol e drogas ao volante. Ata este domingo, día 13, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de Galicia. Nesta iniciativa a DGT fomenta ademais a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia.

Desde a Delegación do Goberno lémbrase que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. Hai que lembrar que o 45,5% dos 558 condutores falecidos durante o ano pasado en España en accidentes de tráfico e sometidos a autopsia consumira alcohol, drogas e/ou psicofármacos.

Por estos motivos, o obxectivo da Dirección Xeral de Tráfico é conseguir descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.

Controis permanentes

Entre xaneiro e setembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico efectuou en Galicia 318.878 probas de alcoholemia, das que 5.300 arroxaron un resultado positivo, co que a taxa de positivos é de 1,6%. O perfil de positivo segue a ser o de varón con idades entre 45 a 54 anos.

No que respecta ao consumo de drogas, a Garda Civil levou a cabo en Galicia 4.575 controis no mesmo periodo, dos que 1.764 conlevaron denuncia por positivo. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias achadas con máis frecuencia.

Campaña anterior

Na mesma campaña realizada en decembro do ano pasado realizáronse en Galicia 15.660 probas de alcoholemia, das que 160 deron positivo (o 1,02%). En canto ás probas de drogas, realizáronse 338, das que resultaron positivas 135 (40%).