Maica Larriba subliña o lixeiro incremento na afiliación á Seguridade Social rexistrado na provincia

Maica Larriba subliña o lixeiro incremento na afiliación á Seguridade Social rexistrado na provincia

03/12/2020

A subdelegada do Goberno reuniuse esta mañá coa directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para valorar os datos laborais da provincia.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse esta mañá coa directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), Marta Estrada, para abordar a situación laboral da provincia.

Segundo os datos proporcionados pola dirección provincial, en sete meses o Goberno Central abonou 189 millóns de euros aos traballadores da provincia acollidos aos ERTE. A finais de outubro quedaban na provincia un total de 6.471 traballadores en ERTE, cifra que representa un 32 % do total de traballadores acollidos a ERTE en Galicia e o 1 % do número estatal.

Os meses que rexistraron un maior número de empregados acollidos a ERTE foron abril, con 51.114 traballadores nesta situación, maio, con 67.601, e xuño, con 58.206. En xullo, e coincidindo co fin da desescalada, este número descendeu nun 41 %. O 80 % dos traballadores que estaban en ERTE en xuño no mes de outubro xa saíran do mesmo e incorporáranse a súa actividade laboral.

No encontro, a subdelegada analizou tamén os datos de afiliación da provincia do mes de novembro. En total, en Pontevedra rexistráronse o mes pasado 355.883 afiliados á Seguridade Social, o que supón un incremento de case o 2% respecto ao número de afiliados que se contabilizaban en xaneiro. Larriba destacou que estas cifras “amosan a fortaleza e resilencia do mercado laboral da nosa provincia, que a pesares das dificultades derivadas da actual crise sanitaria, consigue rexistrar incluso un tímido crecemento”.

No tocante aos traballadores autónomos, segundo os datos publicados onte, a provincia contaba en novembro con 66.928 traballadores por conta propia, que representan un 18,80 % do total de afiliados á Seguridade Social. Destes, a 31 de outubro, tan só 3.189 cobraban a prestación extraordinaria aprobada polo Goberno no pasado mes de abril.

Tras analizar estes datos, a subdelegada quixo destacar que “a pesar das restricións á mobilidade que se decretaron en moitos municipios da provincia e o peche da hostalaría, o comportamento do mercado laboral está sendo bastante bo, xa que se observa unha senda de crecemento na afiliación á Seguridade Social e unha destrución de emprego moderada”. Larriba subliñou tamén o compromiso do Goberno de España cos traballadores e empresas deste país, que se materializa nos ERTE, “un mecanismo que se ten demostrado máis que eficaz para evitar a saída directa dos traballadores fóra do mercado laboral e que busca non deixar a ninguén atrás”.