Javier Losada celebra o importante acordo que facilitará a presentación de solicitudes de estranxeiría por vía telemática

Javier Losada celebra o importante acordo que facilitará a presentación de solicitudes de estranxeiría por vía telemática

01/12/2020

O delegado lembra que o ano pasado as oficinas de Estranxeiría das subdelegacións do Goberno recibiron máis de 19.700 solicitudes e atenderon preto de 76.000 consultas

Javier Losada destaca o esforzo desenvolvido neste ano pola Administración Xeral do Estado para adaptar os seus servizos e procesos ás canles electrónicas, fundamentais no momento de pandemia

Considera prioritaria a modernización a Administración pública para contribuir á reconstrucción social e económica despois da COVID-19 e acelerar as grandes transformacións das que se beneficiará Galicia


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avogou hoxe pola modernización da Administración para achegar a tramitación dos expedientes e procedementos á cidadanía, “algo que é fundamental nos momentos actuais de pandemia”. “En poucos meses a Administración avanzou o que estaba previsto para toda a lexislatura con cambios que chegaron para quedarse definitivamente”, engadiu o delegado, insistindo na vontade de priorizar esta modernización da Administración pública para contribuir á reconstrucción social e económica despois da COVID-19 e acelerar as grandes transformacións das que se beneficiará Galicia. 

Nesta filosofía enmárcase o protocolo que asinou hoxe Javier Losada coa presidenta do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero,  e que posibilitará que os xestores poidan realizar trámites vencellados á Oficina de Estranxeiría que ata o de agora se realizaban de maneira presencial e con cita previa.

Con este sinatura gañarase axilidade na instrución e resolución de expedientes, posto que unha parte deles serán revisados e cotexados polos propios xestores. Ademais, conséguese poñer a disposición do público xeral un maior número de citas para a presentación persoal de solicitudes, xa que se eliminan do sistema aquelas que vaian ser presentadas polos xestores administrativos.

O delegado do Goberno lembrou que as oficinas de Estranxeiría das catro subdelegacións do Goberno recibiron ao longo do ano pasado 19.723 solicitudes e atenderon 75.937 consultas, o que dá idea do elevado volumen de traballo que teñen.

A partir da sinatura de hoxe, a cidadanía ten dúas formas de presentar as solicitudes iniciais de autorización de residencia: persoalmente, mediante o sistema de cita previa, ou ben a través dos servizos dun xestor administrativo, nese caso non é necesario solicitar cita previa. Así mesmo, os xestores poden realizar de maneira telemática trámites nos que non é necesaria a cita previa nin a comparecencia do interesado, como é o caso das solicitudes de renovación de autorizacións. No caso de que fose necesaria a presencia do interesado para algún trámite presencial citaríase tamén a través do seu xestor. Finalmente, a notificación da resolución enviarase tamén telematicamente ao xestor.

Antecedentes

Este protocolo ten a súa orixe no convenio subscrito en 2019 entre o Ministerio de Política Territorial e Función Pública e o Consello Xeral de Colexios de Xestores Administrativos de España en relación coa realización de trámites administrativos e xestión documental por vía electrónica. Este convenio aposta por fomentar a colaboración social cos operadores xurídicos, económicos e administrativos que actúan en calidade de grandes presentadores de documentación ante os órganos administrativos da súa competencia.

Doutra banda, impulsa a modernización, simplificación e racionalización dos procedementos para facer máis sinxelo á cidadanía o cumprimento das súas obrigacións formais na relación coa Administración Xeral do Estado; e avoga pola progresiva aplicación das tecnoloxías da información.