O Centro de Coordinación Operativo de Ourense de loita contra o COVID-19 apela á corresponsabilidade cidadá para non retroceder na desescalada

O Centro de Coordinación Operativo de Ourense de loita contra o COVID-19 apela á corresponsabilidade cidadá para non retroceder na desescalada

13/05/2020


Emilio González incidiu especialmente na importancia da conciencia social e no cumprimento das recomendacións en materia sanitaria para seguir avanzando na loita contra o virus


O Centro de Coordinación Operativo da provincia de Ourense creado para o seguimento da loita contra o COVID-19 mantivo hoxe unha nova reunión para avaliar a situación trala entrada en vigor da Fase I do Plan de Transición cara a Nova Normalidade, apelando á corresponsabilidade cidadá e á conciencia social para poder seguir avanzando na loita contra o virus.

A reunión estivo presidida polo subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, e contou coa presenza dos responsables provinciais da Garda Civil, da Policía Nacional, da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma, así como da policía local de Ourense, ademais de persoal vinculado á Secretaría Xeral da Subdelegación do Goberno.

Na reunión avaliouse a necesidade de extremar as medidas previstas para a Fase I, sobre todo as relacionadas co cumprimento das distancias sociais e as recomendacións en materia de protección sanitaria, considerando prioritario apelar á cidadanía a manter a responsabilidade individual e non baixar a garda na loita contra o coronavirus.

Durante os primeiros días de aplicación das novas medidas que regulan esta Fase I as Forzas e Corpos de Seguridade están levando a cabo unha acción informativa e pedagóxica, tratando de divulgar entre a poboación a correcta aplicación da normativa. Así mesmo, os axentes vixiarán especialmente que se cumpran as oportunas medidas de distancia social e autoprotección, tanto nos paseos e nas actividades ao aire libre como nas terrazas de locais de hostalería e nos establecementos comerciais.

Igualmente realizarase un recordatorio das medidas hixiénico-sanitarias que deben respectarse para previr o contaxio do COVID-19 a través da distribución dos manuais elaborados polo Ministerio de Sanidade e polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ás asociacións de comerciantes, de hostaleiros e aos concellos da provincia.

Emilio González considerou que unha gran parte da poboación ourensá está acatando a normativa prevista para a Fase I, pero lembrou que o virus COVID-19 segue estando presente, polo que é fundamental seguir extremando as precaucións. “Somos conscientes da necesidade de reactivar a actividade económica, pero non debemos esquecer o coidado da nosa saúde e da que nos rodean. Non podemos relaxarnos porque calquera exceso de confianza pode significar unha volta atrás”.

O subdelegado do Goberno quixo tamén agradecer a labor que están a realizar as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dende o comezo da crise sanitaria provocada polo COVID-19 como garantes da propia seguridade individual e colectiva.