A Subdelegación do Goberno en Ourense prepara os seus espazos de atención ao público para o regreso progresivo á prestación presencial de servizos

A Subdelegación do Goberno en Ourense prepara os seus espazos de atención ao público para o regreso progresivo á prestación presencial de servizos

13/05/2020

Instaláronse 17 mamparas de metacrilato para protexer aos cidadáns e aos traballadores públicos, disponse de xeles hidroalcohólicos, máscaras e guantes e cóntase con protocolos de boas prácticas sobre distancias sociais seguras.

Emilio González expresa o seu recoñecemento a todos os empregados públicos polo esforzo realizado desde o comezo da crise sanitaria provocada polo COVID-19.


A Subdelegación do Goberno está a preparar os espazos de atención ao público para dar cumprimento ás medidas en materia preventiva e de protección da saúde dentro do Plan de Transición cara a Nova Normalidade e acometer o proceso de desescalada para a recuperación do réxime ordinario de prestación dos servizos públicos presenciais.

O subdelegado do Goberno, Emilio González, explicou que se están a dar os pasos precisos para facer posible a recuperación progresiva da actividade presencial, que se seguirá compatibilizando coa prestación de servizos na modalidade de teletraballo, especialmente recomendada para colectivos de empregados que poidan ser vulnerables e tamén nos supostos de conciliación familiar. A pesar da suspensión dos servizos de atención presencial, os funcionarios mantiveron a súa actividade nas distintas dependencias, atendendo máis de 1.500 consultas sobre a normativa de aplicación para diferentes actividades dende o comezo do período do estado de alarma, así como as consultas formuladas nas diferentes Dependencias e impulsando a tramitación dos distintos procedementos.

Emilio González indicou que “para protexer a saúde e a integridade dos usuarios dos servizos públicos e dos traballadores, xa se procedeu á instalación de 17 mamparas protectoras de metacrilato en servizos como a Oficina de Información e Rexistro e nos servizos de Inmigración e Estranxeiría, estando prevista a instalación dun total de 32 mamparas. Igualmente se procedeu á correspondente sinalización da distancia de seguridade que se debe gardar.”

Así mesmo, cóntase con xeles hidroalcohólicos e elementos de protección como guantes e máscaras, ademais de adoptarse as medidas contidas na Guía de boas prácticas nos centros de traballo, realizada polo Ministerio de Sanidade, sobre distancias sociais seguras e condutas e hábitos hixiénicos. Tamén se disporá dun sistema de cita previa para evitar aglomeracións nos distintos servizos.

O subdelegado do Goberno puxo en valor o traballo que está a realizar o persoal da Subdelegación do Goberno, das Forzas e Corpos de Seguridade e da Administración Xeral do Estado na provincia de Ourense, agradecendo a súa implicación desde o comezo da crise sanitaria provocada polo COVID-19.