Isabel Rodríguez anuncia a continuación da obra do novo Centro da Seguridade Social en Viveiro
08/05/2020
A reanudación da obra autorizouse esta semana, unha vez adoptadas as medidas de seguridade e hixiene dacordo coa situación de alerta sanitaria
O Goberno inviste 844.0000 euros nesta nova dotación para mellorar a atención da Seguridade Social aos veciños da Mariña Oriental
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que veñen de retomarse as obras de construción do novo Centro da Seguridade Social en Viveiro, logo da paralización das mesmas durante dous meses e medio.
Isabel Rodríguez explicou que as obras retomáronse esta semana unha vez autorizada a súa continuación polo director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude.Os traballos de edificación do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Viveiro estiveron parados temporalmente, desde o 13 de febreiro ata o día 7 de maio. Nun primeiro momento, a obra interrumpiuse para facer un pequena modificación no proxecto e, unha vez autorizada, non foi posible retomala ata esta semana debido á declaración do Estado de Alarma o pasado 14 de marzo.
A continuación das obras foi autorizada logo dunha xuntanza telemática que mantiveron o pasado día 6 responsables da Seguridade Social, da dirección da obra e a empresa construtora. Previamente a empresa presentou un anexo ao plan de seguridade coas medidas de seguridade e hixiene que se comprometeu a adoptar dada a situación de alerta sanitaria motivada polo epidemia do COVID-19.
MELLORAR O SERVIZO A 12.000 CIDADÁNS
O Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social está a construir este novo Centro da Seguridade Social, no que inviste 844.000 euros, para mellorar o servizo que dá a toda a Mariña Oriental. Anualmente, as oficinas da Seguridade Social de Viveiro atenden a 12.000 cidadáns.
A creación deste equipamento, ademais de mellorar a atención aos cidadáns, permitirá liberar espazos que poderán ser utilizados polo Instituto Social da Mariña de Celeiro así como polos servizos sociais da Xunta.
A execución da obra foi adxudicada á empresa de Foz Construcciones Jesús Naray.
EDIFICIO DE UNHA PLANTA
O novo Centro da Seguridade Social de Viveiro será un edificio rectangular, de aproximadamente 33x14 metros, e con unha única planta. A superficie construída será de 404 m2 e a útil de 368m2, dos que 294 destinaranse a área administrativa, que incluirá zona de atención aos cidadáns e de espera, zona de autoxestión informática a disposición dos cidadáns, vestíbulo, sala de reunión, etc. Os 74 m2 restantes resérvanse para aseos, arquivo, almacén e área técnica.
O proxecto inclúe a construción dun inmoble exento, acristalado e diáfano na zona administrativa, con unha pastilla opaca na parte traseira, na que se ubican os locais técnicos e de servizo. Na parte posterior crearase unha zona de aparcamento con capacidade para 11 automóbiles, 1 praza reservada para discapacitados e área para o estacionamento de motocicletas e bicicletas.
Este equipamento levántase nunha parcela propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, situada na avenida de Ramón Canosa, número 6, a carón do edificio de Correos e fronte á zona portuaria. Trátase dun solar dotacional do Plan Parcial Lodeiro-Lavandeiras que ten unha superficie de 1.490 m2.