A Subdelegación do Goberno entrega máis de 45.000 mascarillas á Deputación Provincial de Ourense e ao Concello de Ourense
07/05/2020
O Concello de Ourense recibiu as máscaras sanitarias directamente por parte da Subdelegación do Goberno e o resto de concellos da provincia recibirán o material a través da Deputación Provincial de Ourense, segundo o acordo acadado polo Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias.
Esta entrega forma parte da segunda fase do operativo disposto polo Goberno para repartir un total de 98.000 máscaras na provincia de Ourense
O subdelegado do Goberno puxo en valor a colaboración e cooperación entre administracións para facer fronte á pandemia provocada polo COVID-19
A Subdelegación do Goberno en Ourense entregou este xoves un total de 45.700 máscaras á Deputación Provincial de Ourense, para a súa distribución entre os concellos de menos de 20.000 habitantes, e ao Concello de Ourense. Esta entrega forma parte da segunda fase do operativo disposto polo Goberno para repartir un total de 98.000 máscaras na provincia, destinadas a usuarios e usuarias do transporte público, concellos e colectivos sociais.
O subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, supervisou o dispositivo e fixo entrega á concelleira de Seguridade Cidadá e Comercio, María del Mar Fernández Dibuja, e ao concelleiro de Servizos xerais, Transparencia e Sistemas de Información, Manuel Álvarez Fernández, do material correspondente ao Concello de Ourense, posto que a entrega aos concellos de máis de 20.000 habitantes se realiza directamente a través das correspondentes subdelegacións do Goberno.
Así mesmo, Emilio González fixo entrega ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, dos respectivos lotes de máscaras enviadas polo Goberno central para os concellos de menos de 20.000 habitantes. Este reparto será realizado polo ente provincial segundo o acordo acadado entre o Executivo central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
O subdelegado do Goberno destacou a importancia deste reparto de material para os concellos que están levando a cabo “unha labor imprescindible durante a crise derivada do COVID-19” e agradeceu aos alcaldes e alcaldesas o esforzo realizado a través dos diferentes servizos municipais.
O subdelegado do Goberno quixo poñer en valor “a colaboración e a coordinación entre as administracións para facer fronte á pandemia provocada polo COVID-19”, así como “a necesidade de seguir traballando conxuntamente, institucións e cidadanía, agora que iniciamos o camiño cara unha nova normalidade”.
Emilio González lembrou que as máscaras entregadas forman parte do último envío de 98.000 unidades realizado polo Goberno de España á provincia de Ourense con motivo do comezo da Fase 0 do Plan de Transición á Nova Normalidade. Este envío súmase ás 68.000 unidades que se entregaron durante o retorno á actividade laboral trala Semana Santa.
En total, o Goberno de España distribúe ao longo desta semana 14,5 millóns de máscaras na totalidade do país, sendo seis millóns entregadas aos usuarios e usuarias do transporte colectivo, reparto feito o luns e o martes polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e os sete millóns que se reparten nestes días entre os concellos.