A Subdelegación do Goberno completa a segunda campaña de reparto de mascarillas na provincia coa entrega das destinadas aos concellos
07/05/2020
A subdelegada, Isabel Rodríguez, entregou á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e ao presidente da Deputación, José Tomé, 49.000 mascarillas que o Goberno destina nesta campaña aos municipios da provincia
Isabel Rodríguez agradece o papel fundamental que están a desenvolver os concellos da provincia de Lugo nesta crise sanitaria, na que a prioridade absoluta é a protección da saúde das persoas
Lara Méndez destaca a colaboración institucional entre o Concello de Lugo e a Subdelegación do Goberno durante toda a emerxencia do COVID-19
José Tomé remarca a lealdade institucional coa que actúa a Deputacicón, que distribuirá as mascarillas entre os concellos menores de 20.000 habitantes, tal como acordaron Goberno e FEMP, seguindo criterios obxectivos de proporcionalidade en función da poboación de cada municipio
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou hoxe 49.000 mascarillas destinadas aos concellos, que constitúe a terceira e última fase da nova campaña de reparto de 104.000 elementos de protección sanitaria que levou a cabo o Goberno durante toda a semana por toda a provincia de Lugo.
Isabel Rodríguez, entregou o material á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e ao presidente da Deputación, José Tomé, esta mañá, na Subdelegación do Goberno. A Deputación é a institución que se fará cargo do operativo de distribución entre os concellos con poboación interior a 20.000 habitantes, segundo acordaron o Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias. Das 49.000 mascarillas repartidas hoxe, a subdelegada entregou 14.600 á alcaldesa de Lugo e 34.400 foron recollidas polo presidente da Deputación provincial.
A subdelegada explicou que “con esta nova entrega de mascarillas aos concellos, desde a Subdelegación do Goberno tratamos de atender o que é a nosa prioridade absoluta, a protección da saúde dos cidadáns da nosa provincia”.
Isabel Rodríguez aproveitou para “destacar e agradecer o papel fundamental que están a xogar os concellos da nosa provincia na atención a todas as persoas afectadas por esta grave crise sanitaria” e lembrou que a Subdelegación do Goberno está sempre a disposición dos concellos da provincia de Lugo aos que ofrece a máxima colaboración.
A alcaldesa de Lugo, pola súa parte, destacou que “existiu unidade, comunicación e boa sintonía dende que se decretou o estado de alarma entre ambas administración xa que se de verdade hai compromiso, a colaboración institucional debe estar por riba de todo, sobre todo cando falamos do desenvolvemento social e económico da nosa cidade”, ao tempo que agradeceu a colaboracion á subdelegada do Goberno, Isabel Rodriguez.
Lara Méndez lembrou que, “desde o primeiro momento, o Concello colaborou coa Subdelegación do Goberno, por exemplo, co traballo da Policía Local e de Protección Civil, que, so por mencionar un servizo, esta mesma semana se implicaron no reparto de mascarillas aos veciños e veciñas feito nas rúas da cidade”.
O presidente da Deputación, a súa vez, explicou que a institución provincial repartirá este material de protección proporcionado polo Goberno central entre os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes seguindo o mesmo mecanismo que utilizou para a distribución do material que adquiriu con fondos propios, isto é, a través do persoal do Parque Móbil e seguindo criterios obxectivos de proporcionalidade en relación co número de habitantes de cada un dos municipios.
José Tomé subliñou a colaboración e lealdade institucional da Deputación co Goberno de España e co resto de administracións, Xunta de Galicia e concellos, tanto para contribuír a paliar os efectos da crise sanitaria do coronavirus, como para desenvolver con garantías o plan de desescalada do confinamento.
A Deputación responde así mesmo á súa funcion esencial de “concello dos concellos. É o noso deber e responsbilidade cooperar coas entidades locais, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender o mellor posible aos seus veciños e veciñas”, subliñou o Presidente.
CONCLÚE A CAMPAÑA
Coa entrega deste material aos concellos da provincia, remata a nova campaña de entrega de 104.000 mascarillas que a Subdelegación do Goberno puxo en marcha o luns.
Nunha primeira fase, o luns e o martes, un gran dispositivo formado por axentes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica, Policías Locais e agrupacións de Protección Civil entregaron mascarillas a traballadores e cidadáns nas rúas, no transporte público e nos accesos a polígonos industriais e empresariais.
Posteriormente o mércores, fixose entrega de mascarillas a entidades sociais e asistenciais, concretamente a Cáritas, Cruz Vermella e Fademga.
SEGUNDA ENTREGA EN MENOS DE UN MES
Ésta é a segunda ocasión en menos de un mes na que a Subdelegación do Goberno distribúe mascarillas aos concellos da provincia, que tamén recibiron en abril parte das 74.000 distribuídas na campaña destinada a facilitar este elemento de protección aos empregados para que puideran utilizalos nos desprazamentos saos seus postos de traballo.