Maica Larriba destaca a importancia da colaboración policial transfronteiriza con Portugal para ofrecer seguridade e proximidade ao turista portugués

Maica Larriba destaca a importancia da colaboración policial transfronteiriza con Portugal para ofrecer seguridade e proximidade ao turista portugués

01/08/2022

A subdelegada recibiu aos axentes da PSP que durante os vindeiros días patrullarán Vigo xunto coa Policía Nacional.


Vigo, 1 de agosto de 2022.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou a importancia de “manter a colaboración e a cooperación policial internacional para favorecer a mellora da atención ao cidadán e ao turista”. A subdelegada realizou estas declaracións no acto de benvida aos dous axentes da Policía de Segurança Pública portuguesa que dan o relevo aos que estiveron en xullo e que durante os próximos días patrullarán Vigo xunto co Corpo Nacional de Policía. A iniciativa enmárcase no proxecto “Comisarías Europeas” e busca “estar cerca do turista portugués, que cada vez ten maior presenza en Vigo e na provincia, para ofrecerlle unha atención integral en seguridade cidadá, con policías que falan a súa lingua e coñecen os procedementos legais propios de ambos países”.

Maica Larriba explicou que os cidadáns portugueses que fan turismo en Vigo “séntense máis tranquilos ao ver a súa propia policía patrullando a cidade xunto á Policía española”. “Trátase”, explicou “dun proxecto importante para este Goberno, que supón un paso máis na consolidación do concepto da seguridade transfronteriza”.

A subdelegada, ademais de darlle a benvida aos axentes portugueses, aproveitou para saudar aos axentes da Policía Nacional que, dentro desta iniciativa, se desprazarán á cidade portuguesa de Aveiro para colaborar na seguridade dos turistas españois entre o 4 e o 11 de agosto.