José Miñones trasládalle á Policía Nacional os retos da nova normalidade, a protección dos cidadáns máis vulnerables e a celebración do Xacobeo

26/04/2021

O delegado do Goberno destaca o papel fundamental do Corpo Nacional de Policía no ano de pandemia e no control das medidas sanitarias

Pon o foco na protección de menores, mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou sexual e dos delitos de odio e discriminación

Destaca que Galicia segue a ser unha Comunidade segura para vivir, traballar e visitar, unha fortaleza á que contribúen diariamente os axentes da Policía Nacional

Aposta por unha ampliación das plantillas da Policía Nacional en Galicia con novas convocatorias de emprego público, que permitirán saldar as débedas contraídas por recortes anteriores


O delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, realizou hoxe a súa primeira visita ao Centro Policial de Lonzas onde foi recibido polo Xefe Superior de Policía, José Luis Balseiro. Alí visitou as instalación dos distintos servizos da Comisaría Provincial, o Museo da Policía e o laboratorio de ADN e criminalística.

Previamente, o delegado do Goberno mantivo unha reunión de traballo con distintos mandos policiais, a quen felicitou polas cifras de seguridade que ano a ano sitúan a Galicia como unha das Comunidades máis seguras, unha fortaleza á que contribúen día a día os policías nacionais destinados na Comunidade.

Na reunión, José Miñones detallou algúns dos principais retos do Corpo Nacional de Policía para os próximos meses en Galicia. O máis inmediato é o seguimento da evolución da pandemia e das medidas restritivas das autoridades sanitarias, coa finalización do estado de alarma e o comezo da nova normalidade. Nesta epígrafe, destacou o papel chave da policía neste ano de pandemia, tanto na vixilancia das medidas como no auxilio á cidadanía e hostalería, un papel que continuará ata que a pandemia esté controlada na totalidade.

Xunto coa pandemia e a nova normalidade, o delegado apuntou o papel da Policía na seguridade dos visitantes e participantes do Xacobeo, sobre todo na cidade de Santiago. E, por último, trasladou aos mandos policiais a priorización dos colectivos máis vulnerables, como o dos menores, as víctimas de violencia de xénero e/ou sexual e dos delitos de odio.

Mellora das plantillas

O delegado do Goberno reiterou ante os máximos responsables da Policía Nacional de Galicia o compromiso do Executivo coa mellora das condicións laborais da plantilla policial en España. Aos acordos xa alcanzados na retribución salarial, o delegado engadiu a aposta polo incremento dos efectivos dispoñibles. Así, lembrou que o Goberno proseguirá coas actuais cifras de convocatorias de prazas ata revertir os efectos dos recortes orzamentarios e de contratación das lexislaturas anteriores.

Laboratorio de ADN

O delegado do Goberno comprobou o traballo do laboratorio de ADN e criminalística que, ademais de Galicia, atende as demandas da Policía Nacional de Asturias e Cantabria. Ante os investigadores da unidade, José Miñones agradeceu a súa capacidade de traballo e a súa profesionalidade que os fan imprescindibles nas tarefas de investigación e tamén no probatorio dos procedementos xudiciais. 

Durante a visita, tamén coñeceu as instalacións do Museo da Policía de Galicia, onde se conservan, en oito salas, máis de 3.000 obxectos históricos que dan conta da evolución da presencia da Policía Nacional en Galicia.