A Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron 681 controis na última semana

20/04/2021

 Isabel Rodríguez informa de que as forzas de seguridade do Estado na provincia levaron a cabo 464 inspeccións en apoio do Plan Hostalería Segura
 A subdelegada destaca que os lucenses seguen a cumprir maioritariamente coa normativa sanitaria
 Nos últimos sete días foron identificadas 10.483 persoas, controlados 8.932 vehículos e eleváronse 177 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) convocado para facer seguemento do dispositivo de seguridade que traballa na provincia para asegurar o cumprimento da normativa ditada pola Xunta para facer fronte á pandemia da COVID-19. A xuntanza celebrouse por vía telemática e nela participaron mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Isabel Rodríguez informou de que nos últimos sete días a Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron na provincia un total de 681 controis e 464 inspeccións a establecementos de hostalaría. Para o desenvolvemento deste dispositivo contouse coa participación de 1.074 axentes. En total, desde o día 14 ata o 19 de abril, foron identificadas 10.483 persoas polas forzas de seguridade do Estado que tamén controlaron 8.932 vehículos e formularon 177 propostas de sanción.

 

Rodríguez destacou que os datos supoñen a demostración da responsabilidade dos lucenses, xa que unha gran maioría cumpren coa normativa sanitaria. Ademais, a subdelegada agradeceu o traballo realizado na provincia por todas as forzas e corpos de seguridade, que traballan en coordinación para comprobar o cumprimento nos distintos concellos da provincia das normas contra a pandemia establecidas polas autoridades.