Unha muller faise cargo da coordinación dos equipos de atestados da Garda Civil de Tráfico na provincia de Lugo

19/04/2021

 Isabel Rodríguez dá a benvida á sarxento Silvia Lucena que se incorpora hoxe ao seu novo destino
 A subdelegada felicítase pola progresiva incorporación da muller a postos de responsabilidade nas forzas de seguridade


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe á sarxento  da Garda Civil Silvia Lucena González, a primeira muller que se encargará da coordinación dos equipos de atestados do subsector de Tráfico na provincia de Lugo. Na visita tamén participou o xefe do subsector de Tráfico, capitán José Miguel Martínez.

 

Isabel Rodríguez deulle a benvida á sarxento Lucena González, que se incorporou hoxe ao seu novo destino, e felicitouse pola progresiva incorporación da muller a postos de dirección na vida pública, incluídas as forzas e corpos de seguridade.

 

A subdelegada tamén lle desexou os maiores éxitos no desempeño da súa responsabilidade, na que se lle encomenda a coordinación das tres bases de atestados que ten a Garda Civil de Tráfico na provincia, situadas en Lugo, Monforte e Burela. 

 

Silvia Lucena, que acaba de ascender ao emprego de sarxento chega a Lugo procedente da provincia de Burgos, onde desempeñaba o emprego de cabo no Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico de Miranda de Ebro.

 

A nova responsable dos equipos de atestados da provincia é asturiana e ingresou na Garda Civil en 2009.