Maica Larriba: “Ler é hoxe máis importante que nunca”
02/10/2021
A subdelegada do Goberno en Pontevedra asistiu este sábado a un encontro literario con Bárbara Blasco Grau e Santiago Lopo celebrado na Libraría Paz de Pontevedra e organizado no marco do programa ‘Afinidades electivas’ do Ministerio de Cultura.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asistiu esta mañá ao encontro literario celebrado na Libraría Paz de Pontevedra no marco do programa ‘Afinidades electivas’, que organiza a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, do Ministerio de Cultura e Deporte, e no que participaron a xornalista valenciana e autora de diferentes contos Bárbara Blasco, e o escritor, profesor e tradutor galego, Santiago Lopo.
A subdelegada quixo subliñar a importancia deste programa que persigue apoiar a actividade das librarías independentes, así como fomentar a creación literaria en todas as linguas do Estado, alén de visibilizar a o obra e figura de diferentes autores e autoras. “Ler é hoxe máis importante que nunca. Nun contexto de ruído e crise como o que vivimos a lectura contribúe a formación dunha sociedade máis crítica e empática”, destacou Larriba.
Tal e como explicou a subdelegada, esta iniciativa que celebra este ano a súa segunda edición, “xorde no 2020, nun momento no que a pesar de que a lectura foi refuxio e salvación para moitos, as librarías e autores vivían unha das súas maiores crises e continúa este ano como parte da aposta do Goberno polo fomento da lectura e o apoio ao mundo do libro”.
O debate de hoxe na Libraría Paz foi o primeiro dos tres encontros que se desenvolverán este mes nas librarías da provincia no marco deste programa. A próxima cita terá lugar o próximo venres 8 de outubro en Librouro (Vigo), que acollerá un diálogo entre o escritor galego de literatura infantil Antonio García Teijeiro e o poeta andaluz e autor tamén de literatura infantil, David Hernández Sevillano. Por último, a libraría viguesa Libros para soñar organiza o mércores 20 de outubro un encontro entre a escritora, actriz e contacontos galega Paula Carballeira Cabana e o contacontos camerunés Boniface Ofogo.
Fomento da diversidade e apoio a un sector fundamental
O programa ‘Afinidades Electivas’ é unha das iniciativas máis innovadoras postas en marcha polo Ministerio de Cultura e Deporte, na que a creación, a pluralidade e diversidade lingüística e literaria son os protagonistas dos encontros en 64 librerías de todo o Estado.
O título, ‘Afinidades Electivas’ inspírase na obra homónima de Goethe, quen defende que "só se pode entender o alleo ao entender aquilo co que es afín". Por iso é polo que, o eixo vertebrador do programa baséase no encontro nunha librería de dous autores de diferente lingua para falar das súas semellanzas, diverxencias ou conexións.
No programa participan autores en castelán, catalán, galego, euskera, bable, valenciano e aragonés. A diversidade tamén está presente a través dos xéneros literarios nos que traballan: narrativa, poesía, ilustración e tradución.