Pontevedra subscribe o protocolo de colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero
07/05/2021
A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe xunto ao alcalde de Pontevedra a Xunta Local de Seguridade na que se ratificou o novo protocolo de colaboración entre a Policía Nacional e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero –Sistema Vioxén-, subscrito polo xefe da Policía Local de Pontevedra, José Duarte, e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu esta mañá, xunto ao alcalde do municipio, Miguel Anxo Fernádez Lores, a Xunta Local de Seguridade do Concello de Pontevedra na que se subscribiu o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero. O protocolo de colaboración foi asinado polo xefe da Policía Local, José Duarte, e a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.
Pontevedra é o oitavo concello da provincia que procede á renovación deste documento, o primeiro trámite e fundamental, que deben formalizar todos aqueles municipios que desexen permanecer dentro do Sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.
Maica Larriba quixo agradecer “o compromiso do Concello de Pontevedra e do seu equipo de goberno, que hoxe converteu a este municipio no octavo da provincia en renovar o protocolo do Sistema VioXén”. Larriba quixo tamén destacar “o labor fundamental que desenvolve a Policía Nacional na protección e asistencia a todas as mulleres vítimas de malos tratos neste concello e na provincia”. A subdelegada lembrou, así mesmo, a importancia de renovar estes acordos para que “as forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.
En particular, o novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas", recalcou Larriba. Na actualidade, a Unidade de Atención á Familia e a Muller (UFAM) da Policía Nacional realiza o seguimento de 52 casos, a Policía Local o de 21, e a Policía Autonómica o de 17. Do mesmo xeito, Larriba subliñou “o firme compromiso do actual Goberno de España e desta Subdelegación coa erradicación de todas e cada unha das formas de violencia machista. Estamos ao carón das 90 vítimas desta localidade, todas elas teñen o dereito e o noso apoio para vivir unha vida libre de violencias”.
Para completar a súa adhesión, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.
90 casos activos na localidade
Segundo os datos recollidos no Sistema VioXén, en Pontevedra contabilízanse a día de hoxe 90 casos activos de violencia de xénero. Esta cifra supón case o 7,88 % dos casos activos na provincia e o 73,77 % dos casos activos en todo o partido xudicial.
Dende o inicio do ano 2021, déronse 16 casos de alta no sistema, dos cales 3 continúan activos. Ademais, todas as vítimas da localidade contan con algún tipo de orde de protección, 6 son usuarias de Atempro e 2 posúen o dispositivo Cometa. O 37 % delas teñen entre 31 e 45 anos. Na mesma franxa de idade sitúanse o 40 % dos agresores.
Atendendo ao seu nivel de risco, das 90 vítimas rexistradas no sistema, 1 está clasificada como de risco alto, 18 como de risco medio, 39 baixo e 32 non apreciado. Así mesmo, 13 das vítimas teñen ou tiveron máis dun agresor e 22 dos agresores teñen ou tiveron máis dunha vítima.
O Sistema VioXén
O Sistema VioXén púxose en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.
O Sistema tamén realiza predicións do risco de calquera vítima e, en función dese nivel, efectúa un seguimento e protección adecuado da muller que se trate en todo o territorio nacional. Vioxén desenvolve ademais un labor preventivo con avisos, alertas e alarmas cando se detecta algunha incidencia ou acontecemento que pode poñer en risco a integridade da vítima.