Isabel Rodríguez destaca a importancia da concienciación cidadá para avanzar na erradicación da violencia de xénero

02/11/2021

Continúa a programación da Subdelegación do Goberno con motivo do 25N coa exposición “Árbore da violencia de xénero. Na raíz está o cambio”

A subdelegada felicita ao Foro Feminista Maruja Mallo e ao policía nacional da UFAM de Viveiro Pablo Rodríguez polos Recoñecementos Meninas


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a importancia da concienciación social para avanzar no obxectivo de erradicar a violencia de xénero. Con este obxectivo instalouse hoxe na entrada da Subdelegación do Goberno a exposición “Árbore da violencia de xénero. Na raíz está o cambio”  que se enmarca na programación de actividades organizadas con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

 

Isabel Rodríguez explicou que se trata de explicar dun xeito gráfico que é posible acabar coa violencia de xénero pero que a loita debe comezar pola raíz da que nacen os abusos e o machismo contra as mulleres. A exposición, que abriron a subdelegada e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Luisa Castro, consta de dous paneis que permanecerán instalados durante todo o mes no vestíbulo da Subdelegación do Goberno. Esta é unha das iniciativas incluídas dentro da programación de actividades de sensibilización contra a violencia sobre as mulleres organizada con motivo da celebración do 25N.

 

RECOÑECEMENTOS MENINAS

 

A subdelegada do Goberno aproveitou para felicitar ao Foro Feminista Maruja Mallo de Lugo no que recaeu este ano o Recoñecemento Meninas correspondente á provincia de Lugo, así como ao policía Pablo Rodríguez da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría da Policía Nacional de Viveiro ao que se concedeu unha mención honorífica polo seu traballo a prol da igualdade.

 

No caso do Foro Maruja Mallo, o xurado premiou o seu labor divulgativo do feminismo e as actividades que realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade.

 

A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar en Santiago de Compostela na semana do 25N.

 

PROGRAMACIÓN DO 25N

 

A programación deseñada pola Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno comezou  o día 20 de outubro coa celebración dunha xornada destinada a traballadores dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos Centros municipais  de Información á muller que tratou sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero.

 

Emilia Pardo Bazán, da que se cumpre este ano o centenario do seu pasamento, tamén terá protagonismo nas actividades que conmemoran o 25N. Será a través dunha lectura dos seus textos que realizarán un grupo de escolares. Este acto, co lema A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán, terá lugar o día 19 de novembro na Subdelegación do Goberno.   

 

Uns días despois, o 23 de novembro, a Subdelegación acollerá unha xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza. Esta actividade, destinada a profesionais dos medios de comunicación, conta coa colaboración da Asociación da Prensa de Lugo. Nela intervirán a fiscal e o xuíz de violencia de xénero, Áurea Martínez de la Fuente e Sergio Ordúñez.