Larriba agradeceu a aposta de Albo polo “maior parque empresarial de Pontevedra”

12/02/2021

A subdelegada do Goberno acudiu esta mañá ao acto do comezo das obras da nova factoría de Fillos de Carlos Albo, na Plataforma Loxística de Salvaterra do Miño.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu esta mañá ao acto de inicio obras da nova factoría de Fillos de Carlos Albo na Plataforma Loxística da Autoridade Portuaria de Vigo (Plisan) en Salvaterra de Miño. Ao acto acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o seu vicepresidente económico, Francisco Conde; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; a alcaldesa de Salvaterra do Miño, Marta Valcárcel; e outras autoridades.

Durante a súa intervención, a subdelegada do Goberno quixo destacar a importancia da colocación desta primeira pedra, que supón “a aposta dunha das conserveiras máis antigas da nosa provincia pola modernidade e por comezar unha nova etapa no maior parque empresarial de Pontevedra”. Unha aposta que é hoxe posible, remarcou, “grazas ao traballo e esforzo das diferentes administracións”.

Larriba quixo felicitar, así mesmo, a alcaldesa de Salvaterra, xa que esta construción representa “a culminación dun soño para o concello de Salvaterra”, así como ao delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, xa que “está factoría marca o comezo dunha realidade para esta Plataforma Loxística, que despois de tantos anos ve cumpridas as súas aspiracións”.

A subdelegada do Goberno quixo tamén subliñar a importancia “deste día histórico para a factoría”, á que lle desexou “un futuro de, polo menos, outro cento cincuenta anos de historia” e lle agradeceu a súa aposta “por instalar a súa planta punteira a máis de trinta quilómetros da costa”. Neste sentido, Larriba sinalou que “aínda que algúns parecen non decatarse, ou prefiren non darse por decatados, este tipo de fábricas  -do mesmo xeito que outras moitas empresas vinculadas ao sector pesqueiro- levan anos apostando por localizacións afastadas da costa pero ben comunicadas sen que iso supoña a súa desaparición, senón todo o contrario”.

Larriba resaltou, así mesmo, os bos datos de consumo que rexistran as conservas, “un produto con máis de douscentos anos de historia, pero cuxo consumo continuou crecendo nos fogares españois durante o ano pasado a pesar da pandemia”. A subdelegada recalcou que no primeiro semestre de 2020 as ventas deste produto no canal do fogar creceron algo máis dun 15 %, moderándose de cara a finais de ano nun 8 %, e a súa exportación incrementouse nos primeiros nove meses nun 16 %.

Por último, a subdelegada lembrou a aposta do Goberno pola actividade industrial e os seus esforzos, nos últimos meses marcados pola pandemia, por garantir liquidez ás empresas e soster aos traballadores e traballadoras.  Larriba recordou que só na provincia de Pontevedra máis de doce mil empresas puideron acceder a créditos ICO por valor de máis de 1.800 millóns de euros e máis de 82.000 traballadores e traballadoras estiveron nalgún momento baixo o paraugas dun ERTE percibindo as axudas do Goberno por valor de 190 millóns de euros. Ademais adiantou o compromiso do Executivo de manter durante este ano estas axudas e a posibilidade da súa mellora, como é o caso dos créditos ICO.

Plataforma Loxística da Autoridade Portuaria de Vigo

A Plataforma Loxística do Porto de Vigo é un complexo multifuncional situado estratexicamente nos municipios de Salvaterra e As Neves, a 35 km de Vigo, conectado mediante a autovía A-52 co Porto de Vigo, coa Autoestrada do Atlántico (AP-9) e co Norte de Portugal (A-55), e en contacto co eixo da liña ferroviaria Madrid-Ourense-Vigo-Porto de Vigo.