A provincia retoma o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos a partires do próximo curso

01/06/2021

A subdelegada do Goberno presidiu hoxe unha reunión da comisión provincial na que se planificou a posta en marcha do Plan de cara ao próximo curso

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a comisión provincial do “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos”.

Este Plan é unha iniciativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional. o Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade que ten como obxectivo por a disposición dos centros educativos diferentes conferencias e actividades educativas impartidas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e encamiñadas, entre outros, a previr o acoso escolar, o consumo de drogas e alcol, condutas  incívicas, violentas e vandálicas, o racismo, a xenofobia e a intolerancia, a violencia sobre a muller, a discriminación por razón de sexo ou orientación sexual, así como a concienciar sobre os riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais.

A subdelegada lamentou que “durante o curso 2020-2021 non se puideran levar a cabo estas actividades por mor das restricións derivadas da actual crise sanitaria” e manifestou a súa satisfacción “pola reactivación do plan a partires do curso que vén, xa que a concienciación e a prevención son fundamentais para evitar condutas intolerantes ou violentas”. Neste sentido, a subdelegada informou de que  a día de hoxe, 9 vítimas dos 1152 casos activos de violencia de xénero da provincia son menores. “Unha cifra que só se pode reducir mediante unha aposta inamovible por parte de todos e todas pola educación e a prevención”, afirmou Larriba, ao tempo que advertiu tamén “sobre un preocupante fenómeno que se vén dando desde hai uns anos entre a mocidade, a violencia de xénero nas novas tecnoloxías e que este tipo de actividades contribúe a combater”.

A subdelegada agradeceu, así mesmo, “o traballo realizado pola Garda Civil e a Policía Nacional durante este curso, xa que nun momento de traballo tan intenso, continuaron colaborando cos centros educativos para contribuír á formación e prevención dos máis novos e novas. Unha labor fundamental para poder acadar unha sociedade máis xusta, tolerante e igualitaria”.

Asistiron tamén á reunión da comisión provincial a xefa da Unidade contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, Manuel Regueiro, o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César A. Pérez, o inspector de Educación e responsable do Plan Director en Pontevedra, José María Alén, os responsables na Garda Civil do Plan Director na provincia, a tenente Mª del Mar Hinojosa e o sarxento Luis Villamil, e os responsable na Policía Nacional do Plan Director, o inspector de Seguridade Cidadá, Miguel Vaamonde, o oficial Antón Méndez e o delegado de Participación Cidadá, Roberto Carrera.

Formación para a prevención dos ciberdelitos

Por último, a subdelegada solicitou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado trasladar este tipo de contidos, e en particular, aqueles relativos aos riscos de seguridade asociados a uso de novas tecnoloxías e Internet a outros colectivos.

A este respecto, Larriba recordou que nos primeiros cinco meses do ano, as estafas a través de tarxetas de crédito creceron na provincia nun 114 % con respecto ao mesmo período do ano pasado. “Estamos a observar unha tendencia moi clara e e preocupante do aumento de ciberdelitos na provincia, que debemos combater a través da prevención e da formación”, explicou a subdelegada, que propuxo ofertar este tipo de obradoiros e charlas á veciñanza da provincia a través da colaboración con asociacións culturais, de veciños e outras organizacións sociais.