Larriba cumpre tres anos á fronte da Subdelegación do Goberno de Pontevedra cun balance marcado pola crise sanitaria

30/06/2021

A subdelegada mantivo hoxe un encontro cos medios de comunicación para facer un repaso do seu mandato como representante do Goberno na provincia.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, mantivo hoxe pola mañá un encontro cos medios de comunicación para facer balance dos tres anos que leva á fronte da Subdelegación do Goberno.

Durante o encontro, a subdelegada quixo facer fincapé na actividade desenvolvida nestes anos. “A pesar de que a crise sanitaria ten marcado toda a actividade durante o último ano e medio, como subdelegada participei xa en case un milleiro de actos e encontros, en cinco convocatorias electorais e tantas e tantas xuntanzas con todos aqueles representantes institucionais que así o demandaron”, explicou a subdelegada.

Larriba referiuse á crise sanitaria provocada pola COVID-19, que impactou en todos os ámbitos e actividades da Subdelegación, acrecentando o traballo ordinario dos empregados públicos e agradeceu a implicación e o esforzo realizado por estes durante os últimos quince meses.

A subdelegada adicou tamén unhas palabras ao coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e ao tenente coronel Manuel Touceda, así como a todos os axentes deste corpo, “polo traballo extraordinario que desenvolveron en todo o territorio provincial, acompañando e asistindo a tantos veciños e veciñas”.

Así mesmo, Larriba lembrouse do Corpo Nacional da Policía, en especial, da súa comisaria provincial, Estíbaliz Palma, así como dos comisarios de Vigo, Redondela e Marín,”xa que o seu traballo durante o último ano foi inxente”.

Por último, a subdelegada fixo referencia o labor desenvolvido polo Exército, en especial durante o primeiro estado de alarma. “Foron momentos moi difíciles e as Forzas e Corpos de Seguridade estiveron moi cerca de todos os cidadáns, sobre todo, das persoas máis vulnerables”. Neste sentido, a subdelegada agradeceu a Luis Cortés e a Brilat o traballo realizado tamén durante os últimos meses, contribuíndo ao seguimento e acompañamento dos enfermos e os seus achegados.

Por outra banda, Larriba reafirmou o compromiso do Goberno por cumprir co calendario de vacinación proposto. “A pesar de que nun primeiro momento a falta de subministro obrigou a ralentizar o ritmo, na actualidade o proceso de vacinación está moi adiantado e non dubido que a finais de verán podamos contar cun 70 % da poboación da provincia protexida. Vacinar, vacinar e vacinar debe ser agora o noso obxectivo, xa que debemos continuar a ser cautos porque o virus aínda esta aí”.

Por último, a subdelegada expresou o seu desexo de poder retomar parte da actividade nos próximos meses, “contribuíndo así a achegar a Subdelegación e os seus servizos a todos os veciños e veciñas de Pontevedra, tal e como me comprometín desde que asumín este mandato”. 

Balance do traballo dos últimos tres anos

Desde xullo de 2018, Maica Larriba ten participado como subdelegada do Goberno en Pontevedra nun total de 49 Xuntas Locais de Seguridade e 35 Xuntas Provincias de Seguridade e do Centro de Coordinación Operativa da provincia. Ademais realizou 99 reunións e visitas a concellos e alcaldes da provincia, 57 reunións e visitas a asociacións, ONGs e sindicatos e 43 reunións e visitas a empresas. Levou a cabo tamén 198 visitas e reunións oficiais e participou en 370 reunións e actos, tanto dentro como fóra da Subdelegación.