José Miñones anima ás investigadoras e investigadores de Galicia a participar na maior convocatoria da historia para adquirir equipamento científico-técnico

22/06/2021

O Goberno vén de aprobar o Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación que implica a 12 ministerios

A meta do Executivo é multiplicar a financiación do sistema de ciencia e innovación ata alcanzar o 3% do PIB en 2030

A financiación para proxectos de I+D+I en Galicia ascende a 17,4 millóns de euros para 146 iniciativas, das que 67 corresponden á USC

O delegado do Goberno e a subdelegada na Coruña, María Rivas, visitan xunto ao rector de Santiago, Antonio López, a plataforma Innopharma e a fundación Kærtor


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe ás investigadoras e investigadores da Comunidade a participar na maior convocatoria da historia para adquirir equipamento científico-técnico. Expresouse así durante unha visita á plataforma Innopharma e a fundación Kærtor no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago.

Acompañado pola subdelegada na Coruña, María Rivas, e o reitor, Antonio López; ademais do director do CIMUS Carlos Diéguez e os patronos da fundación Kærtor Ángel Carracedo, Mabel Loza e José Manuel Silva; o delegado do Goberno subliñou que a plataforma e a fundación son “un claro exemplo de innovación e de investigación farmacéutica”.

Nese sentido, lembrou o importante apoio do Goberno, a través do Ministerio de Ciencia que dirixe Pedro Duque, á investigación científica. “Temos un incremento dos orzamentos para investigación nun 60% respecto ao ano 2020”, subliñou.

De feito, o delegado explicou que o obxectivo actual é multiplicar a financiación pública do sistema de ciencia e innovación ata chegar a un 0,75% en 2024 e un 1,25% en 20230. Estas cifras, sumadas á aportación privada, situarían a aportación nun 2% do PIB en 2024 e un 3% en 2030, un obxectivo que tamén comparte a Unión Europea e que significará un importante salto para a ciencia galega e española.

Outro compromiso do Goberno chegou coa aprobación do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, que implica a 12 ministerios, “con novos proxectos de investigación, sinerxias entre comunidades autónomas e colaboración entre grupos de investigación”, asegurou José Miñones.

Nese sentido, o delegado destacou que “a Universidade de Santiago é un claro exemplo de investigación e de proxectos”. Na última convocatoria de subvencións para proxectos I+D+I houbo 146 proxectos galegos por 17,4 millóns de euros, dos que “case a metade están en Santiago, con 67 proxectos”, abundou.

Cos fondos europeos Next Generation UE chega outra nova oportunidade, da que espera que se beneficie o tecido científico galego, como xa o fai a fundación Kærtor cun proxecto que xa conta con financiación externa para a innovación.

EQUIPAMENTO CIENTÍFICO-TÉCNICO

A Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia, abriu hai poucos días unha convocatoria para adquirir material científico técnico dotada con 180 millóns de euros, “a maior contía da historia”. “Son moitas as oportunidades e quero animar a todas as investigadoras e investigadores a participar na última convocatoria aberta de equipamento científico”, engadiu o delegado.

Relatou que a convocatoria está aberta ata o próximo 6 de xullo. Está dirixida a organismos públicos de investigación, universidades e outros centros públicos de I+D+I. Contará con axudas de entre 400.000 e 1,5 millóns de euros.