Isabel Rodríguez entrega carnets de ciberexpert@s a 41 escolares do colexio Sagrado Corazón

16/06/2021

 A subdelegada animounos a ter precaución cando naveguen pola Internet e a pedir axuda se son vítimas de calquera situación de abuso


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe na entrega de carnets aos escolares do CEIP Sagrado Corazón que asistiron ao curso de Ciberexpert@ impartido pola Policía Nacional. A subdelegada estivo acompañada no acto polo responsable delegado de Participación Cidadá e formador do Plan Director da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga.

 

Isabel Rodríguez felicitou aos escolares pola súa participación neste curso  no que a Policía Nacional formou, durante cinco horas, aos nenos e nenas para que fagan un uso seguro das redes sociais e da navegación pola Internet. Animounos a poñer en práctica o aprendido e a pedir axuda no caso de sufrir calquera tipo de problema de abuso ou acoso.

 

A subdelegada tamén destacou a implicación da comunidade educativa do CEIP Sagrado Corazón, que completa a formación académica dos escolares dándolles a oportunidade de adquirir ferramentas que lles permitan facer un uso seguro das novas tecnoloxías.

 

Este ano foron 41 os alumnos e alumnas de 6º de primaria que asistiron ao curso no colexio do Sagrado Corazón. Nas charlas aprenderon a importancia de preservar a súa privacidade e como deben comportarse na rede. Tamén recibiron formación para evitar ser vitimas de suplantación de identidade ou de prácticas como ciberacoso, sexting ou grooming. 

 

Na mesma actividade formativa participaron este ano 120 escolares do concello de Lugo dos colexios do Sagrado Corazón, a Milagrosa e os Salesianos.

 

A Policía Nacional inclúe os cursos de ciberexpert@ no programa de actividades que cada ano ofrece aos centros escolares lucenses dentro do Plan  Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos. Este ano, a maioría das charlas celebradas tiveron lugar de xeito telemático debido ás restricións establecidas para loitar contra a pandemia do coronavirus.