Emilio González: “A Rúa segue a ser un concello seguro”

04/06/2021

Emilio González e Álvaro Fernández copresidiron a Xunta Local de Seguridade que analizou a situación da seguridade cidadá e os datos de violencia de xénero no municipio.

Os delitos graves e menos graves contra o patrimonio e contra as persoas presentan unha tendencia á baixa no concello de A Rúa.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o alcalde de A Rúa, Álvaro Fernández, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

En primeiro lugar, o subdelegado do Goberno quixo agradecer o traballo e o esforzo das forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá, dende o pasado mes de marzo de 2020. Emilio González incidiu na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todos os corpos, que deu lugar ao establecemento de dispositivos conxuntos entre a Garda Civil e a Policía Local para o control das medidas decretadas fronte a COVID-19.

No tocante á seguridade cidadá, o subdelegado do Goberno destacou a tendencia á baixa que presentan os datos correspondentes aos delitos graves e menos graves contra o patrimonio, ao igual que os delitos graves e menos graves contra as persoas no concello de A Rúa. Sen embargo, constátase un incremento sensible dos delitos telemáticos.

Con respecto á cifra de infraccións administrativas, durante o ano 2020 no concello de A Rúa produciuse un incremento, motivado en boa medida polos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

Emilio González sinalou que “o índice de criminalidade en A Rúa mantense en niveis baixos, o que fai deste un concello seguro en relación a municipios de poboación similar”.

En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, actualmente no concello de A Rúa hai tres casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Todos eles presentan risco non apreciado e contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas informouse de que se están a retomar de xeito máis intenso as actividades formativas e preventivas nos centros escolares do municipio por parte dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero e prevención de condutas aditivas, entre outras temáticas.

Así mesmo, continuarase cos dispositivos de vixilancia nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.