Maica Larriba visita as instalacións da Cruz Vermella de Pontevedra para coordinar a última entrega do programa de axuda alimentaria do Goberno

23/02/2021

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe xunto a representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Pontevedra á entrega de  268 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria 2020 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra,   Maica Larriba, estivo presente esta mañá na entrega da última partida da Axuda Alimentaria 2020 destinada á Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra.

A entidade social, que participa no Programa 2020 de Axuda Alimentaria para as persoas máis desfavorecidas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recibiu nesta terceira e última fase do programa un total de 268 toneladas de comida destinadas ás persoas con menos recursos da provincia. Nesta derradeira etapa, a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos -entidades que se encargan do almacenamento e distribución dos alimentos na provincia- repartirán entre máis dun centenar asociacións 536 toneladas de produtos alimenticios.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra actúa, a través da Dependencia de Agricultura, como Unidade de Control do programa. Con esta terceira etapa culmina a anualidade 2020 deste programa de axuda, que contou na provincia con 23.750 beneficiarios, un 8 % máis que no exercicio anterior, e repartiu, sumando tamén os alimentos distribuídos ao longo da primeira e segunda fase desenvoltas en xuño e outubro do ano pasado, un total de 1.569 toneladas de comida.

Durante a súa visita, Maica Larriba quixo agradecer “á Cruz Vermella o seu papel e a súa achega como centro de almacenamento e distribución, fundamentais para este programa”. A subdelegada quixo, así mesmo, destacar “a axuda inestimable do máis de centenar de organizacións de reparto que colaboran co Goberno na provincia, encargándose da entrega ás persoas máis necesitadas destes produtos alimenticios non perecedoiros. Agradezo o esforzo de todas estas organizacións e dos seus voluntarios e voluntarias, porque xuntos chegamos a quen máis nos precisa”.

Con esta entrega complétanse as 784,5 toneladas de comida que repartirá o programa nesta anualidade a través do Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra, que actúa como centro de almacenamento e distribución (CAD). O Banco de Alimentos, o outro centro CAD da provincia, distribuirá a mesma cantidade. Estas dúas institucións contan coa colaboración de máis dun centenar de organizacións locais de reparto, que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade.

Maica Larriba fixo fincapé na relevancia deste programa, “que contribúe a paliar a situación das persoas más desfavorecidas da provincia nun momento no que a poboación máis vulnerable da nosa sociedade está a sufrir especialmente debido ás consecuencias da crise motivada pola COVID-19”. 

Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente.

Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha en marzo do ano pasado o “Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”, a través do cal se repartirán, de forma gratuíta, 88.448.397 q uilos de alimentos en toda España.

O Programa 2020, que supuxo a adquisición de alimentos a través dun proceso de licitación pública por máis de 87 millóns de euros, está cofinanciado nun 85 % polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15 % polos orzamentos do Estado.

A “cesta de alimentos” que se entrega aos beneficiarios inclúe arroz, legumes cocidas, leite enteira UHT, aceite de oliva, atún en conserva, sardiñas en conserva, conserva de carne, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, macedonia de verduras,  froita en conserva, batido de chocolate e tarriños infantís de froita e de polo.