Maica Larriba agradece o esforzo realizado por todos e cada un dos axentes da Policía Nacional durante a pandemia

Maica Larriba agradece o esforzo realizado por todos e cada un dos axentes da Policía Nacional durante a pandemia

30/07/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu esta mañá o acto de toma de posesión do comisario Carlos Alfonso Valcárcel Araújo como novo Xefe da Comisaría da Policía de Vigo-Redondela


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe o acto de toma de posesión do comisario Carlos Alfonso Valcárcel Araújo como xefe da Comisaría do Corpo Nacional de Policía en Vigo-Redondela. Maica Larriba quixo subliñar “o apoio, compromiso e esforzo” de Carlos Valcárcel desde que asumiu a xefatura accidental da Comisaría. A subdelegada do goberno destacou que “foron meses moi duros, de intenso traballo nunhas circunstancias que nunca antes viviramos. A Covid19 chegou para alterar a nosa vida dun xeito que non podiamos sospeitar. A labor policial sumiuse nun novo risco como é o da posibilidade de contaxio dunha grave enfermidade, ademais dos que xa son habituais na profesión. Co comisario Valcárez á fronte, esta comisaría e todos os seus integrantes soubestes estar á altura, e en moitas ocasións, con máis psicoloxía que autoridade, colaborastes coa poboación para facernos máis doado soportar esta pandemia”.
Así mesmo, Larriba adicou unhas palabras aos dous anteriores comisarios, Emilio Fernández e Luis Gallego, e destacou “a súa confianza, compromiso e esforzo”.
Durante a súa intervención, Larriba quixo tamén agradecer aos profesionais do Concello de Vigo e ao seu Alcalde o seu esforzo e entregadurante o Estado de Alarma, xa que “colaboraron con todo aquilo que desde a Subdelegación do Goberno lles requirimos”.
Por último, a subdelegada do goberno quixo amosar a súa gratitude a todos os homes e mulleres da Comisaría de Policía de Vigo-Redondela polo “comportamento exemplar, a dedicación e o esforzo” amosado durante os últimos meses.
Traxectoria profesional
O comisario Carlos Alfonso Valcárcel conta con máis de 40 anos de servizo activo na Policía Nacional. Durante este tempo, ocupou diferentes postos de traballo na Comisaría Provincial de Pontevedra e, entre 1986 y 1995, estivo destinado na Xefatura Superior de Navarra. O seu último destino tamén estaba vinculado á Comisaría de Vigo-Redondela, á que se incorporou en 2019.
No acto de toma de posesión do novo comisario estiveron presentes, entre outras autoridades, o xefe superior de Policía en Galicia, José Luis Balseiro, a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.