A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 2.559 controis na provincia durante a última semana

24/03/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance dos controis de vixilancia realizados durante os últimos oito días. Os responsables policiais abordaron tamén o control do tránsito nos pasos fronteirizos con Portugal, que rexistran unha afluencia media de 6.982 persoas e 5.654 vehículos cada día.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o xefe accidental da Comisaría de Vigo, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante a última semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia o pasado 17 de marzo. En total, do 16 ao 23 de marzo, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 2.559 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 2.181 axentes, se identificaron a 50.069 persoas, se controlaron 11.156 vehículos e se elevaron 299 propostas de sanción.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos oito días 2.294 controis nos que participaron 1.357 efectivos. Nestes operativos 15.506 persoas foron identificadas, 10.715 vehículos foron controlados e 89 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 2.064 controis e interpuxo 67 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 164 controis na provincia que contaron coa participación de 666 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 4.388 persoas e 439 vehículos, 2 persoas foron detidas e se elevaron 171 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 326 controis e interpuxo 1 sanción.

Por último, a Unidade de Policía Autónoma de Galicia, organizou 101 dispositivos nos que identificou a 175 persoas, controlou 2 vehículos e interpuxo 39 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 158 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 249 inspeccións en establecementos que se saldaron con 15 denuncias.

Controis nos pasos fronteirizos con Portugal

Segundo os datos proporcionados polos responsables da Policía Nacional, 160.600 persoas e 130.051 vehículos foron identificadas durante o mes de marzo nos tres pasos fronteirizos que permanecen abertos na nosa provincia. Ademais, do 1 ao 23 de marzo, o corpo policial denegou 548 solicitudes de entrada ao noso país. Desde o pasado 29 de xaneiro, o Corpo Nacional de Policía vixía o cumprimento do peche da fronteira terrestre con Portugal.

No paso fronteirizo de Tui, situado na A-55 e o único que permanece aberto as 24 horas do día na nosa provincia, rexistrase a maior afluencia de tránsito. Larriba informou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo neste paso fronteirizo durante o último mes, controláronse 148.372 persoas e 121.074 vehículos. Ademais, producíronse 406 denegacións de entrada. Esta localidade aglutina o 92,7 do tránsito transfronteirizo de persoas e vehículos que se rexistra na nosa provincia. En total, segundo indicou a subdelegada, por esta localidade cruzan unha media de 6.451 persoas e 5.264 vehículos cada día.

Pola súa banda, no paso fronteirizo de Salvaterra do Miño controlouse, durante o mes de marzo, o tránsito de 10.268 persoas e 7.537 vehículos. Por este punto, no que se rexistraron 101 denegacións de entrada do 1 ao 23 de marzo, acceden a Portugal cada día unha media de 604 persoas e 443 vehículos.

No paso de Arbo, aberto desde o pasado 15 de febreiro, 1.960 persoas e 1.440 vehículos foron controladas durante o mes de marzo. Durante este mesmo período, neste paso -que rexistra unha afluencia media de 115 persoas e 85 vehículos diarios-, as autoridades denegaron a entrada ao país a 77 persoas.

Na actualidade, estes dous pasos están abertos das 7 h as 10 h da mañá e das 18.00 a 21.00 h, favorecendo así o tránsito de mercadorías e persoas entre os dous países.

Larriba lembrou que o peche da fronteira interior terrestre con Portugal foi prorrogado, a petición deste país, ata o próximo 6 de abril.

Comportamento exemplar

A subdelegada do Goberno quixo, así mesmo, destacar “o bo comportamento da cidadanía e da hostalaría, que se traduce nun número moi baixo de denuncias”.

Do mesmo xeito, Larriba avanzou tamén que os corpos de seguridade continuarán esta semana coas labores de prevención fronte á COVID-19, levando a cabo controis e dispositivos adaptados á normativa autonómica. Do mesmo xeito, a subdelegada advertiu de que se vixiará, de maneira especial, o cumprimento das medidas na hostalaría, así como o peche perimetral da comunidade autónoma.

Por último, a subdelegada lembrou “a importancia da responsabilidade individual para manter a raia a cifra de contaxios”.