A Subdelegación do Goberno e o Concello de Burela estreitan a súa colaboración na loita contra a violencia de xénero

Imaxe sinatura protocolo Viogen

06/08/2020

 A Xunta Local de Seguridade aproba o novo protocolo do convenio que asinará o Concello co Ministerio do Interior para que a Policía Local de Burela colabore coa Garda Civil na protección das vítimas de violencia de xénero

 Na reunión tamén se constatou que a delincuencia diminuíu algo máis do 37% en Burela durante o primeiro semestre do ano


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade na que se ratificou a colaboración que manteñen as dúas administracións na loita contra a violencia de xénero. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello,  aprobouse un novo protocolo de coordinación e colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local burelá para a protección das vítimas de violencia de xénero.

 

Isabel Rodríguez felicitou a Alfredo Llano pola seu liderazgo nas políticas de igualdade e na loita contra a violencia de xénero no seu municipio, que hoxe se traduce na aprobación do protocolo de convenio, que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio de Interior, para regular a integración da Policía Local no sistema Viogen de protección das mulleres de Burela que son vítimas de violencia de xénero.

 

O documento establece os mecanismos de coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local de Burela na execución e seguimento das medidas xudiciais acordadas para a protección de vítimas de violencia de xénero residentes neste termo municipal.  

 

O sistema Viogen permitirá que a Policía Local dispoña de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio e pasará a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos.

 

A subdelegada informou de que a data de onte, mércores 5 de agosto, había 25 casos activos no Sistema Viogén de Seguimento Integral de mulleres residentes no concello de Burela, 1 de risco alto, 2 de risco medio, 5 de risco baixo e 17 de nivel de risco non apreciado.

 

MENOS DELINCUENCIA

 

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén a situación da seguridade cidadá no concello de Burela.

 

No primeiro semestre deste ano produciuse un importante descenso da criminalidade, xa que se rexistraron 45 denuncias menos por infraccións penais. Concretamente, nestes seis meses a Garda Civil tivo coñecemento de 72 infraccións penais, o que supón un descenso do 37,39% respecto primeiro semestre de 2019, no que se produciron 115. Cabe destacar a notable caída nos delitos contra as persoas, que baixaron de 10 a 4 e as infraccións contra o patrimonio, pois pasaron de 29 a 13.

 

Neste período, ademais, a Garda Civil detivo en Burela a 19 persoas e investigou outras 23.

 

PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE

 

Outro asunto abordado na xuntanza foi a marcha dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, condicionados este ano pola pandemia do COVID-19. Por este motivo, a Garda Civil non puido realizar todas as actividades que tiña programadas nos centros escolares de Burela.

 

Aínda así, durante o curso 2019-2020, dentro do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade Escolar, impartíronse 14 charlas nos centros educativos do municipio, 12 para alumnos e 2 para pais e nais. Nelas tratáronse temas como os riscos na Internet, drogas, alcohol e outras adicións, acoso escolar e violencia de xénero. A suspensión da actividade académica por mor do coronavirus obrigou a suspender 3 charlas que xa estaban pechadas e as que se estaban programando para o terceiro trimestre do curso escolar.