A Subdelegación do Goberno realiza unha nova entrega de 82.000 máscaras a concellos e entidades sociais da provincia de Ourense para atender ás persoas máis vulnerables

A Subdelegación do Goberno realiza unha nova entrega de 82.000 máscaras a concellos e entidades sociais da provincia de Ourense para atender ás persoas máis vulnerables

04/01/2021

O subdelegado do Goberno agradece a labor fundamental desenvolta polos concellos e polos colectivos sociais na protección dos máis desfavorecidos

Emilio González lémbralle á cidadanía ourensá a necesidade de “non baixar a garda, usar correctamente as máscaras e respectar as normas das autoridades sanitarias”

Con esta sexta campaña de reparto, o Goberno leva distribuídas 448.500 máscaras na provincia a entidades sociais, concellos, traballadores, entidades empresariais e usuarios do transporte público


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, fixo entrega no día de hoxe de 82.000 máscaras destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, no que supón o sexto dispositivo de distribución deste material sanitario que leva a cabo o Goberno de España. O obxectivo é a atención a colectivos de poboación vulnerable e ao persoal de servizos esenciais das entidades locais.

O subdelegado do Goberno salientou que con esta nova entrega “materialízase unha vez máis o compromiso e colaboración do Goberno de España con toda a cidadanía durante a pandemia xerada pola COVID-19 para non deixar a ninguén atrás”.

Así mesmo, Emilio González agradeceu a labor fundamental que realizan os concellos e as entidades sociais da provincia, que está a resultar esencial na protección das persoas máis vulnerables e desprotexidas dende o inicio da crise sanitaria.

O subdelegado do Goberno lembrou que con este novo reparto posto en marcha, que se suma aos levados a cabo en abril, maio, xuño, setembro e novembro, o número total de máscaras distribuídas polo Executivo na provincia de Ourense é de 448.500.

Emilio González remarcou que “as máscaras son un elemento fundamental para coidar da nosa saúde e da do resto das persoas”, polo que lembrou a necesidade de “non baixar a garda, facer un uso correcto deste elemento de protección e respectar as normas dispostas polas autoridades sanitarias”.

ENTREGA A COLECTIVOS SOCIAIS E ENTIDADES LOCAIS

Durante a mañá o subdelegado do Goberno mantivo un encontro coa directora de Cáritas Ourense, María Tabarés; co presidente de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; e coa coordinadora de COGAMI, Mónica Limia, aos que lles fixo entrega dun total de 34.000 máscaras cirúrxicas para que as empreguen o seu persoal, os seus usuarios e as entidades que forman parte do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI).

Así mesmo, Emilio González supervisou o dispositivo e entregou ao concelleiro Telmo Ucha un lote de 16.500 unidades correspondentes ao Concello de Ourense. As restantes 31.500 foron entregadas ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Férnandez, posto que esta institución é a encargada do operativo de distribución entre os concellos da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes, segundo o acordo acadado entre o Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

REPARTO NACIONAL

Con este sexto reparto, a nivel nacional, o Goberno distribúe a ONGs, entidades sociais e locais un total de 17 millóns de máscaras cirúrxicas, das que a Galicia lle corresponden 690.000 unidades.

Os concellos reciben neste reparto, a través da FEMP, 7.206.000 máscaras e as entidades sociais 9.826.000, a través de Cruz Vermella, Cáritas, Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español).