A Subdelegación do Goberno en Ourense distribúe 96.000 mascarillas dirixidas a concellos e a entidades sociais

Entrega de mascarillas a entidades sociais

22/09/2020

Trátase dunha medida de apoio ás entidades locais e ás familias máis necesitadas, coincidindo coa inauguración do curso escolar

Emilio González destacou o papel fundamental dos concellos e das entidades sociais na promoción e na protección da saúde pública durante toda a pandemia


A Subdelegación do Goberno en Ourense distribuíu no día de hoxe 96.000 mascarillas destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, na que supón a cuarta entrega deste material promovida polo Goberno de España. O obxectivo desta nova distribución de mascarillas é o apoio ás entidades locais e ás familias máis necesitadas, coincidindo coa inauguración do curso escolar.

Durante a mañá de hoxe o subdelegado do Goberno, Emilio González, mantivo un encontro con representantes de Cáritas, Cruz Vermella e Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI), que recibiron un total de 18.000 mascarillas para o seu posterior reparto entre os seus usuarios e asociacións colaboradoras.

Así mesmo, Emilio González supervisou o dispositivo e fixo entrega ao tenente alcalde, Armando Ojea, das 26.500 unidades correspondentes ao Concello de Ourense, posto que a entrega aos concellos de máis de 20.000 habitantes se realiza directamente a través das correspondentes subdelegacións do Goberno.

Igualmente, o subdelegado do Goberno fixo entrega ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, das 51.500 mascarillas enviadas polo Goberno central para distribuír entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Este reparto será realizado polo ente provincial segundo o acordo acadado entre o Executivo central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Emilio González destacou o papel fundamental dos concellos e das entidades sociais na promoción e protección da saúde pública durante a pandemia, informando á cidadanía, facilitando o cumprimento das medidas de prevención e apoiando ás persoas máis vulnerables.

Segundo resaltou o subdelegado do Goberno, con estes operativos evidénciase o compromiso e o esforzo do Goberno de España por colaborar con toda a cidadanía durante a pandemia xerada polo COVID-19, especialmente cos colectivos máis desfavorecidos e que máis poden sufrir as consecuencias da actual crise sanitaria.

REPARTO DE MASCARILLAS EN OURENSE

O subdelegado do Goberno lembrou que este é o cuarto operativo posto en marcha polo Goberno de España para a distribución de mascarillas entre a poboación. Este novo envío súmase ás 68.000 unidades que se entregaron durante o retorno á actividade laboral trala Semana Santa a usuarios do transporte, a entidades sociais e a entidades empresariais; e ás 98.000 mascarillas entregadas a comezos do mes de maio a usuarios do transporte, colectivos sociais e concellos.

No terceiro operativo, levado a cabo no mes de xuño, entregáronse 22.500 unidades co obxectivo de facilitar material de protección ás persoas máis vulnerables e con menores recursos económicos, para o que se contou coa colaboración de Cáritas, Cruz Vermella e o Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI). Con este cuarto reparto o número total de unidades distribuídas na provincia de Ourense por parte do Executivo ascende a 284.500.

En total, o Goberno de España distribúe con este novo dispositivo un total de 15 millóns de mascarillas a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e de entidades sociais, das que a Galicia lle corresponden 862.000 unidades.