O Goberno adxudica a redacción do proxecto para reformar a oficina da Seguridade Social de Monforte

Imagen visita CAISS Monforte

17/12/2020

Isabel Rodríguez destaca que é o primeiro paso para a reforma da oficina, a primeira en trinta anos, que lle anunciaron a subdelegada e o director provincial da Seguridade Social ao alcalde de Monforte
 O director do INSS considera moi necesaria esta obra para mellorar o estado das dependencias e anuncia que con ela quedará a punto a rede de atención ao público da Seguridade Social en toda a provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que a Seguridade Social vén de adxudicar a redacción do proxecto e dirección de obras para levar a cabo a reforma integral da oficina de atención ao público en Monforte de Lemos.

 

Isabel Rodríguez informou de que se dá así o primeiro paso para a reforma do centro de atención e información aos cidadáns da Seguridade Social na cidade do Cabe, unha actuación que prometeron realizar a subdelegada e o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, nunha visita que realizaron á oficina xunto co alcalde de Monforte, José Tomé.

 

A subdelegada lembrou que esta é a primeira vez que se realizan arranxos de importancia nunhas dependencias que presentan serios problemas de humidades e climatización motivados polo mal estado do seu illamento.

 

Pola súa parte, o director provincial da Seguridade Social informou de que a redacción do proxecto e dirección de obras foi adxudicada en 31.000 euros á UTE LUDICA, que dispón dun prazo de 4 meses para deseñar o proxecto.

 

Rodríguez Gude considera que esta obra é moi necesaria para mellorar o estado das dependencias e manifestou que coa execución deste proxecto consolídarase a rede composta por sete centros comarcais que cobren todo o territorio provincial, para dar a atención máis próxima posible aos cidadáns, xa que a Seguridade Social tamén ten en construción un centro en Viveiro, cuxa finalización está prevista para marzo de 2021, e acondicionou nas últimas semanas a oficina de Mondoñedo, co que o INSS pon a punto todos os seus centros de atención na provincia de Lugo.

 

REFORMA INTEGRAL

 

Con esta obra preténdese remodelar e acondicionar de forma integral o centro de atención ao público de Monforte, situado na rúa San Pedro, número 4, que conta cunha superficie de 382 metros cadrados e que non fora reformado desde a súa apertura hai 30 anos.

 

Esta intervención permitirá ampliar a zona de espera e autoxestión do público, renovaranse as instalacións eléctricas e de calefacción e dotarase de máis luminosidade e sensación de amplitude ao local.

 

Na actualidade, prestan servizo neste centro un total de 7 funcionarios que atenden a 16.000 usuarios ao ano das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, abarcando así unha poboación potencial de 50.000 persoas.