Isabel Rodríguez destaca que “o Goberno cumpre con Lugo e 2021 será o ano da mellora do ferrocarril”

Imagen de la subdelegada

21/01/2021

 A subdelegada do Goberno informa de que, desde decembro, Adif licitou obras por 192,2 millóns na liña Lugo-Monforte-Ourense e esta semana adxudicou a redacción de proxectos, na que investirá case 3 millóns, para potenciar o tráfico de mercadorías por Monforte


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou hoxe que “o Executivo de Pedro Sánchez cumpre con Lugo e 2021 será, sen dúbida, o ano da mellora do ferrocarril na provincia”. A subdelegada fixo estas declaracións en referencia ao pulo dado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á modernización do ferrocarril que “se traduce nos investimentos millonarios nos que traballa Adif que, nas últimas semanas licitou obras por máis de 192 millóns de euros para a modernización da liña de ferrocarril Lugo-Monforte-Ourense e, ademais, no que levamos desta semana xa adxudicou en case 3 millóns de euros a redacción de proxectos destinados á potenciar o tráfico de mercadorías por Monforte de Lemos”.

 

Isabel Rodríguez explicou que “desde o luns, Adif adxudicou en case 3 millóns de euros a redacción de dous proxectos chamados a  potenciar o tráfico de mercadorías por Monforte de Lemos a través do Corredor Atlántico ferroviario. Esta é unha das apostas do Goberno para a provincia de Lugo, que se completa cos traballos para mellorar as comunicacións por ferrocarril entre Lugo e Ourense, para as que se licitaron nas últimas semanas a execución de obras que teñen un valor estimado de 192,2 millóns de euros”.

 

“No caso do Corredor Atlántico, a principios de semana Adif adxudicou en 2,2 millóns de euros o contrato para redactar proxectos de mellora de infraestrutura e vía no treito Cova-Monforte de Lemos, no traxecto Vigo-Ourense-Monforte-León”, lembrou a subdelegada e engadiu que “hoxe, Adif da conta da adxudicación dun segundo contrato. Trátase da redacción de proxectos para ampliación a 750 metros de vías de apartado para os trens de mercadorías en varias estacións da liña de León a Monforte. Entre elas figura a estación da Pobra do Brollón, onde, ademais da ampliación da vía de apartado, tamén se prevé a eliminación dun paso a nivel. Este contrato que acaba de adxudicar Adif suporá un investimento de case 739.000 euros”.